Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 19/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadores de Maessa despedidos non poden cobrar o paro porque a Inspección considera ilegal o ERE que se lles aplicou

O persoal afectado atópase nunha situación de total indefensión xa que levan 45 días sen traballo e o INEM non lles recoñece o dereito á prestación por desemprego
Traballadores/as de Maessa, empresa auxiliar de Navantia, concentráronse este venres diante do estaleiro de Ferrol en solidariedade coa situación que están a vivir dez compañeiros afectados por un ERE de extinción, aos que o servizo público de emprego non lles recoñece o dereito a cobrar a prestación por desemprego, porque a Inspección de Traballo emitiu un informe no que cuestiona a validez do ERE. Os traballadores/as realizaron unha concentración e comparecencia aos medios este venres para explicar a situación de indefensión na que se atopan tras 45 días sen traballo e sen poder cobrar o paro.

Maessa, unha das principais auxiliares do naval da ría de Ferrol, chegou a un acordo no mes de agosto co Comité de empresa para aplicar un ERE de suspensión para 81 empregados/as e outro de extinción para 30 operarios/as. Porén, dous días antes de executar os 10 primeiros despedimentos, a Inspección de Traballo emitiu un informe cuestionando a validez do ERE –xa que non considera xustificada a medida de redución do cadro de persoal-.

“Despois de ter asinado este acordo, concretamente un mes despois de rematadas as negociacións (5 de setembro), a Inspección provincial de traballo emite un informe no que di que non hai causa legal para facer o ERE. Concretamente di que as causas produtivas teñen que ser actuais, non unha previsión, que era o que se alegaba na proposta de ERE de Maessa, por iso as datas dos ceses non eran certas senón que estaban condicionadas a carga de traballo futura”, sinalan os afectados/as .

Ademais, explica o Secretario de Organización da CIG-Metal, Ramón Afonzo, a empresa xa era coñecedora da postura da Inspección con anterioridade á execución dos despedimentos, porque “na comparecencia do día 31 de agosto o inspector xa adiantara que ía informar negativamente do ERE”.

A sorpresa para os traballadores/as chegou cando se dirixiron ao Servizo Público de Emprego Estatal  a solicitar a prestación por desemprego, que lle denegou este dereito porque segundo a Inspección, o ERE é fraudulento. Así as cousas o persoal despedido leva 45 días sen traballo e sen poder cobrar o paro.

Reclaman a intervención da Consellaría de Traballo

Os operarios reclaman a intervención inmediata da Consellaría de Traballo para que declare nulo o ERE –en aplicación das súas competencias- e se poida resolver a situación de indefensión na que está o persoal. “Queremos denunciar que somos afectados dunha reforma laboral inxusta que facilita ás empresas desfacerse dos traballadores sen as mínimas garantías. Para denunciar que a autoridade laboral de Galiza, a Consellaría de Traballo, non cumpre coa súa responsabilidade, porque tiña que ter impugnado o ERE en canto recibiu o informe da Inspección”.

A este respecto alertan que se non se produce unha pronta solución podería haber outros 20 operarios/as de Maessa despedidos e outros 60 no paro temporalmente, mais sen cobrar prestación ningunha.

“Estamos todos en mans da Consellaría de traballo, os 80. Esiximos que a autoridade laboral exerza as súas competencias e impugne o expediente, unha vez que a Inspección xa informou de que o ERE é fraudulento. Non pode ser que o informe da Inspección sexa vinculante para o SEPES e non para a Consellaría”, denuncian nun comunicado.

Solidariedade da Sección Sindical de CIG en Navantia-Ferrol

A Sección sindical da CIG-Navantia Ferrol emitiu un comunicado solidarizándose coa situación do persoal de Maessa, “que están sufrindo un ERE que a Inspección de traballo considera inxustificado, e o INEM non lles paga. Levan xa 45 días sen cobrar e a autoridade laboral mira para outro lado”, denuncia o responsábel da Sección Sindical, Marcelino Amado.

Para a representación da CIG en Navantia Ferrol non é de recibo que unha empresa como Maessa, que tivo unha parte importante na obra dos estaleiros, pola que obtivo substanciosos beneficios, teña nestas condicións aos seus traballadores/as. Para a Sección Sindical da CIG a situación destes operarios/as, é o resultado “dunha reforma laboral inxusta que permite estes atropelos, mentres a autoridade laboral non exerce as súas competencias, atrapando aos traballadores/as nunha situación de total desprotección”.

cig.prensa@galizacig.com