“É fundamental que as nacións teñamos competencias para decidir o noso futuro. Neste momento está máis xustificado que nunca o nacionalismo galego”. Suso Seixo facía estas declaracións xusto o día no que se conmemorou o 90 aniversario do Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, o punto que marcou o abandono do rexionalismo por parte das Irmandades da Fala e deu un novo pulo ao movemento nacionalista galego.
A páxinas d’A Nosa Terra de 1918 facíanse eco daquel manifesto no que se declaraba: “Tendo Galiza tódalas características esenciaes da nazionalidade, nós nomeamonos, de hoxe para sempre, nazonalistas galegos xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas”.
Para celebrar a data, a Executiva Confederal da CIG trasladou a súa reunión semanal da sé nacional de Compostela até o local comarcal de Lugo, onde se presentou a exposición gráfica promovida pola CIG e desenvolvida por Fesga para lembrar este feito. A mostra pódese visitar nas instalacións da CIG de Lugo, situadas na Ronda da Muralla, número 58.
O Secretario Comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, foi o encargado de describir o contido da exposición, composta por seis paneis, que permite facer un percorrido pola evolución do movemento nacionalista dende o pronunciamento liberal do 1846, pasando por Solidariedade Galega e as Irmandades da Fala até a constitución do Partido Galeguista.