Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 19/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A secretaria de Muller da CIG, María do Carme López Santamariña, presentou a campaña "Loitando polo respecto entre homes e mulleres".
A Secretaría da Muller da CIG repartiu dípticos e cartaces en todos os locais comarcais e unións locais da central.

A Secretaría da Muller da CIG presenta a campaña “Loitando polo respecto entre homes e mulleres”

A iniciativa conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero
A secretaria de Muller da CIG, María Carme López Santamariña, presentou a campaña “Loitando polo respecto entre homes e mulleres”, que a central esta levando a cabo con motivo da celebración do vindeiro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A través desta iniciativa quérese amosar o compromiso da central na erradicación desta lacra social.
A Secretaría da Muller da CIG está a levar a cabo a campaña “Loitando polo respecto entre homes e mulleres” con motivo da celebración do vindeiro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A campaña enmárcase dentro do traballo que a CIG vén realizando a favor da igualdade plena e real entre o home a muller e en contra da violencia de xénero. A secretaria Confederal de Muller sinalou que esta iniciativa ten un carácter testemuñal “para visualizar a postura da central ao respecto da violencia de xénero. É unha maneira de presentar o noso compromiso e responsabilidade social de traballar conxuntantemente cos poderes públicos e coas distintas organizacións e movementos sociais, na visibilización e elimninación da violencia contra as mulleres”

Para esta campaña distribuíronse entre as comarcas e as unións locais da CIG dípticos e cartaces nos que se da conta do compromiso e máis das reivindicacións da central ante este problema que afecta a toda sociedade co fin de que cheguen a tódas/os os/as traballadoras/es. Este material únese a “Guía dos dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero”, editada o pasado ano e aínda vixente.

Coeducación

Carme López sinalou tamén que a través do lema “Loitando polo respecto entre homes e mulleres” téntase afondar na concienciación do papel da coeducación e o respecto que ten que existir entre homes e mulleres. O compromiso da central coa campaña e o seu significado céntrase en “introducir en todas as súas accións formativas a perspectiva de xénero”

Ligado a este punto atópase a cuestión da negociación e da negociación colectiva, unha ferramenta que permite protexer e amparar as vítimas da violencia de xénero nos seus postos de traballo. “Os temas de violencia de xénero cando se dan nos centros de traballo soen ser situacións moi delicadas, que con independencia da negociación colectiva, requiren dunha atención máis personalizada, dunha acción directa coa vítima”, apunta a secretaria de CIG-Muller.

Negociación colectiva

Polo que respecta á negociación colectiva, o que se busca dende a CIG é achegar ás empresas a implantación de protocolos de actuación para a protección e detección de casos de violencia de xénero. Neste senso, Maricarme López explicou que dende as empresas se está comezando a traballar con protocolos de actuación, un avance que valorou positivamente, xa que estes documentos son unha das premisas establecidas pola negociación colectiva.

Non obstante, aclarou que co tema da violencia de xénero pasa “case o mesmo que co tema xenérico da igualdade. Son as empresas grandes as que se preocupan por estas cuestións, nas pequenas e medianas empresas pasa máis desapercibido”. Razón pola destacou a especial relevancia que adquire o papel da formación específica e a concienciación das/os delegadas/os.

Servizo de información

A secretaria de Muller da CIG explicou tamén que se está a detectar un incremento do número de persoas que acoden á central na procura de orientación e información. “Funcionamos como unha especie de rede de información e axuda, explicamos que trámites hai que seguir ou a que centros se deben dirixir. A través da Secretaría da Muller actuamos como unha canle de comunicación entre as vítimas e as distintas entidades”.

Lei de Prevención de Riscos

As actuacións da Secretaría da Muller entroncan co enfoque que se lle ten que outorgar a Lei de Prevención de Riscos Laborais. “A introdución da perspectiva de xénero a nivel xeral se ten conseguido a través desta lei e do Estatuto dos Traballadores/as, pero dende a central estase tentando que todas as boas intencións se fagan efectivas. A realidade é que levar á práctica os mandatos da lei é moi difícil de conseguir”.

Neste senso, un tema que se está a traballar na Secretaría da Muller é a protección da maternidade e a lactación, un campo no que Carme López sinala que “existen moitos problemas por resolver”. A este respecto, cabe sinalar que a Secretaría está a elaborar a “Guía práctica para a prevención de riscos laborais no embarazo e na lactación”, coa colaboración da Consellería de Traballo a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais. A publicación presentarase no I Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais e a Responsabilidade Social nas Pemes que se celebrará o vindeiro 27 e 28 de novembro en Compostela e que pretende ser unha ferramenta de traballo práctica e eficaz a hora de identificar e previr os riscos para o embarazo e a lactación.

Documentos
2008_folleto_25novembro.pdf
cig.prensa@galizacig.com