Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 19/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Federación da Administración Pública da CIG celebra o sábado 21 de novembro o seu V Congreso en Vigo

Baixo o lema “Por unha administración mellor, mellor en galego”
A Federación da Administración Pública da CIG celebra o sábado 21 de novembro o seu V Congreso. Co lema “Por unha administración mellor, mellor en galego”, terá lugar este V Congreso, no que participarán 194 delegadas/os, e que será na Faculdade de Económicas da Universidade de Vigo, desde as 9 da mañá e até as 20 da tarde.

A Federación da Administración Pública celebrará o sábado 21 de novembro o seu V Congreso, baixo o lema "Por unha administración mellor, mellor en galego". Nesta cita participarán 194 delegadas e delegados, ademais de persoas convidadas e delegacións internacionais como a Federación Nacional de Servizos Públicos da CGTP, ELA, LAB, CATAC e a Intersindical Valenciana.

Sesión de mañá e tarde

Este V Congreso comezará na mañá do sábado 21 coa intervención do secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, na sesión de apertura, e ao longo da mañá debaterase o Informe da Executiva e de Finanzas, asi como o regulamento e os relatorios de Acción Sindical e Estatutos.

Despois do xantar intervirán as delegacións convidadas, e elixirase a nova Executiva e a/o Secretaria/o nacional.

Participará na clausura o secretario xeral da CIG

O acto de clausura terá lugar ás 19.30, e no mesmo intervirán o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e a/o nova/o Secretaria/o nacional da Federación.

"Acción sindical de confrontación"

Xosé Carlos Crespo, actual secretario da CIG-Administración, informa de que "afrontamos este Congreso coa previsión dunha acción sindical para os próximos catro anos de confrontación coas políticas da Xunta e do Estado no tocante aos dereitos das traballadoras e traballadores".

"Estamos a falar dos recortes laborais, da defensa do idioma, das retribucións e da destrución do emprego que puxo en marcha a administración autonómica, e tamén na administración estatal, onde se pretende que os empregados públicos paguemos a crise económica, e recortes no emprego público coa taxa do 15% para a reposición de efectivos na xubilación", engade Crespo.

O secretario nacional da CIG-Administración salienta que todos estes recortes "inciden negativamente na calidade do servizo público, ademais de na perda de poder adquisitivo e nos dereitos dos traballadores e traballadoras das administracións públicas, polo que desde a nosa federación imos dar unha importante batalla fronte a estas políticas".

cig.prensa@galizacig.com