Están chamados á folga máis de 17.000 traballadoras e traballadores de 1.200 estabelecementos na provincia de A Coruña e 13.000 empregados/as e uns 1.000 centros en Pontevedra, aínda que os afectados serán, fundamentalmente, os Grupos Gadisa, Lidl, El Árbol e Froiz, segundo explicaron as organizacións sindicais, porque son as patronais con máis poder na mesa de negociación e porque o resto son pequenas tendas de alimentación de carácter familiar.
Dende as organizacións sindicais convocantes (CIG, CCOO, UGT e tamén Fetico en Pontevedra) criticouse o inmobilismo amosado pola patronal durante as negociacións, así como as pretensións de rebaixar e recortar os dereitos dos traballadores e traballadoras escusándose nunha suposta baixada das vendas e dos beneficios.
Un sector en expansión en plena crise
Neste senso, as catro centrais sindicais destacan que os grandes grupos do sector do comercio da alimentación continúan tendo importantes ganancias, a pesar da situación de profunda crise económica, e mesmo están en plena expansión coa apertura de novos estabelecementos. Non obstante, a patronal, capitaneada polo Grupo Gadisa e Grupo Froiz, pretende tirar proveito da crise e acadar maiores cotas de beneficios competindo co salario das traballadoras e os traballadores e recortando os seus dereitos laborais.
Na última proposta presentada na mesa de negociación, na que tamén está presente unha representación do pequeno comercio pero que carece de peso real, os empresarios pretendían unha suba salarial dun 1% nos vindeiros catro anos (o que viría a significar uns 8 euros ao mes nun sector no que a media dos salarios a penas acada os 800 euros); manter a xornada laboral anual en 1.812 horas (que está por riba da xornada media galega), contemplar os traslados de centros de traballo até os 40 km., e manter sen modificar as categorías profesionais.
Presións por parte da patronal
Dende CCOO, UGT e CIG advertiron das coaccións e as presións que a patronal está levando a cabo para impedir a participación dos traballadores e traballadoras na convocatoria de folga. De feito, as organizacións sindicais valoran iniciar accións xudiciais contra Gadis por pretender vulnerar o dereito á folga dos/as empregados/as, xa que se está promovendo dende a empresa unha recollida de sinaturas (baixo ameazas e coaccións) en contra dos paros.
Hai que lembrar que o Grupo Gadis caracterízase, nas súas relacións laborais, polo seu reiterado incumprimento da legalidade, e xa rexistra varias sentenzas condenatorias por ilegalidades na contratación e represión sindical.
Así mesmo, cabe destacar que os traballadores e traballadoras ratificaron a convocatoria de folga nas asembleas celebradas os días 17 e 18 en ambas provincias e todos os Comités de empresa amosaron o seu apoio aos paros.
Comercio con convenio propio
Fóra da convocatoria de folga, e das mobilizacións que haberá previamente, quedan as grandes superficies, os Grupos Día, Eroski, Alcampo ou Hipercor, xa que contan con convenios propios.
Concentracións os días 23 e 24 de novembro
Alén da folga do 27, están previstas mobilizacións os días 23 e 24 de novembro. A primeira no almacén de Gadisa en Piadela (Betanzos) e nas tendas Froiz e Gadis de Ferrol. A segunda terá lugar no almacén do Lidl de Narón e tamén nas tendas de Santiago e A Coruña.
Pola súa banda, en Pontevedra, as concentracións serán o día 23, en Poio, ás 11:00 horas, no almacén de Froiz, e o martes 24, en Gadisa, na rúa Rosalía de Castro en Vigo.