Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 19/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal de Fricosa desenvolve a segunda xornada de folga e xa prepara novas mobilizacións

Solicitaron á Corporación municipal que aprobe no próximo pleno unha moción de apoio á continuidade de todos os empregos
O persoal do matadoiro de Fricosa en Culleredo desenvolveu este venres a segunda de xornada de paros e concentracións para rexeitar o expediente de regulación de emprego presentado pola empresa, así como a súa intención de pechar a cadea de matanza e despece. Ademais, trasladaron unha solicitude aos grupos da Corporación local para que aproben, no próximo pleno municipal, unha moción de apoio á súa loita e polo mantemento de todos os postos de traballo.

Traballadores e traballadoras de FC Alimentación-Fricosa mantiveron esta mañá o segundo paro consecutivo de dúas horas e media, entre as doce e ás 14:30 horas; tempo no que permaneceron concentrados diante do matadoiro de Almeiras, Culleredo, berrando consignas contra o ERE, a través do que a empresa pretende extinguir 62 postos de traballo, e contra as intencións de pechar as seccións de matanza e despece.

Así mesmo, esta mañá a representación do persoal rexistrou no concello un escrito solicitando aos grupos da Corporación municipal que aproben no próximo pleno, que se celebrará o martes 30 de novembro, unha moción de apoio á continuidade do matadoiro e na defensa de todos os postos de traballo.

Dende o Comité reiteraron que a única saída ao conflito pasa polo mantemento de todos os empregos e todas as seccións, tendo en conta, ademais, que tanto a cadea de matanza como a sala de despece, foron renovadas no ano 2007 e que a rendibilidade do matadoiro pasa exclusivamente porque o grupo empresarial manteña o volume de matanza habitual e refinancie a débeda bancaria co Banco Pastor. Esta renegociación da débeda permitiríalle obter liquidez para afrontar os gastos correntes para o funcionamento do matadoiro.

A este respecto, o persoal critica a falta de transparencia da empresa diante desta situación, pois a pesar de ter plasmado no plano de viabilidade, incluído na documentación do ERE, a súa intención de externalizar a cadea de matanza e a sala de despece e asegurar que xa existen acordos con matadoiros da comarca, este mesmo venres, responsábeis do grupo empresarial desmentían nos medios de comunicación calquera intención de suprimir estas actividades.

Mobilizacións nas vindeiras semanas

O persoal xa prepara un novo calendario de mobilizacións para realizar  nos vindeiros días, que inclúe unha xornada de folga para o venres próximo, dende as oito da mañá até as 14:30 horas. Durante o paro, os traballadores e traballadoras trasladarán as súas protestas até as portas da oficina principal do Banco Pastor en A Coruña, xa que esta entidade está pondo obstáculos á refinanciación da débeda de FC-Fricosa e polo tanto dificultando a actividade normal no matadoiro.

De igual xeito, o martes 30 de novembro, o persoal realizará unha nova xornada de folga e unha manifestación dende as instalacións do matadoiro até O Burgo.

cig.prensa@galizacig.com