Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 19/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG presenta alegacións ao PXOM de A Coruña na defensa do futuro industrial, do acceso á vivenda e contra a especulación

A central reclama a eliminación do novo Plan dos convenios das Rañas e Monte Alfeirán, así como a creación de espazos libres integrados na trama urbana
A CIG vén de facer públicas as alegacións presentadas contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal de A Coruña, centradas especialmente en aspectos que afectan ao futuro industrial e do emprego na cidade, ao acceso a unha vivenda digna, á reordenación brutal que se pretende coa desafección dos terreos do porto e en relación a cuestións ambientais e dos convenios das Rañas e Monte Alfeirán, anexados ao plan xeral, que a central entende inadecuados.
O Secretario Comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, deu a coñecer as seis alegacións presentadas pola central ao PXOM.

O Secretario Comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, foi o encargado de dar a coñecer as seis alegacións presentadas pola central sindical ao futuro PXOM da cidade. Carril lamentou a renuncia expresa recollida no Plano Xeral a respecto do chan industrial, que vén continuar na liña dos anteriores planos mediante os que se facilitou e primou a deslocalización e o negocio rápido das empresas especulando cos terreos das fábricas sen importar o mantemento dos postos de traballo. Esta situación veuse agravando, ademais, pola falla de coordinación na dotación de chan industrial entre os Concellos da Área metropolitana.

Carril demandou que, fronte á especulación, o Concello aposte pola preservación dos actuais polígonos, garantindo e consolidando os mesmos para uso produtivo, impedindo a transformación para outros usos a través dunha ordenanza, edificabilidade e alturas acordes coas que tiñan até o de agora.

Neste senso, Paulo Carril denunciou a desaparición continuada do solo industrial destinándoo principalmente á creación de grandes áreas comerciais, de xeito que A Coruña está a padecer unha saturación deste tipo de centros, “que xeran emprego efémero e precario, mentres o futuro industrial da cidade cada día é máis inexistente”.

O secretario comarcal criticou o aumento da edificabilidade do complexo comercial Marineda, non xustificada, que require, ademais, dunha compensación en equipamentos non contemplada nin no PXOM98 nin na súa modificación. De feito, o novo Plan ignora as condicións que rexían para o resto do Solo industrial da zona e asínalle a mesma edificabilidade que recolle a zona normal 9.2, pero permitindo alturas de 16 metros, mentres que até o de agora só se podía superar esta altura excepcionalmente nos casos dos silos ou depósitos imprescindíbeis e mesmo se inclúe o uso hostaleiro. 

Dereito a unha vivenda digna

A segunda das alegacións presentadas pola CIG refírese a un dereito fundamental dos cidadáns e cidadás: o acceso a unha vivenda digna. Neste senso, Carril reclamou ao Concello que proceda a unha redución da edificabilidade total, cun estudo preciso do crecemento poboacional, tendo en conta o parque de vivendas baleiras (que se aproxima ás 22.000) e se apliquen políticas públicas que garantan o dereito a unha vivenda digna a prezos alcanzábeis.

A este respecto cabe lembrar que nos últimos anos o elevado prezo da vivenda na en A Coruña obrigou a moitos cidadáns/ás a marchar a outros concellos limítrofes e nin o PXOM 98 nin as posteriores modificacións foron incapaces de reter ou incrementar a poboación. “Foi unha oportunidade perdida para empezar a facer urbanismo sostíbel” lamentou  Carril quen apuntou que a previsión de 27.000 novas vivendas é “desproporcionada” tendo en  conta a cantidade de vivendas que están baleiras e que tampouco se contabilizan os solares baleiros e os edificios que teñen que ser derrubados.

Por iso, dende a CIG, demándase, co obxectivo de non seguir a alimentar o mercado especulativo, a elaboración un inventario das edificacións botadas a perder e non recuperábeis para a rehabilitación, respecto ao criterio de que as alturas non poden superar o ancho da rúa e a implementación doutro tipo de políticas que fagan efectivo o acceso á vivenda.

Espazos libres e zonas verdes

Ao entender da CIG, os estándares de espazos libres recollidos no PXOM non atenden as necesidades da cidadanía, xa que estes espazos non están integrados na trama urbana, senón afastados da mesma. Paulo Carril demandou a dotación de máis zonas verdes ao tempo que avogou pola carga do custe destes espazos á conta dos promotores dos solos urbanizábeis e non dos orzamentos municipais.

Así mesmo, dende a central sindical demándase a identificación, nun documento, das propiedades públicas, tanto do Concello como doutras administracións, no que se poida comprobar os usos aos que se están a destinar ditas propiedades; claridade sobre o concepto de espazos libres, zonas verdes e espazos viarios, identificando pormenorizamente cales poden ser construídos en subsolo, usos compatíbeis, etc.

A burla do Convenio das Rañas

Outra das alegación presentada pola CIG ten a ver co que Carril cualificou de “burla aos aspectos positivos que poida ter o plan xeral”, en referencia á sinatura do chamado “convenio das Rañas”. “Nós entendemos que este convenio debe ser anulado porque non se adapta ao planeamento territorial de carácter sectorial vixente na Autonomía. Parte do chan urbanizábel está no ámbito de afección da refinería e non pode ter outros usos que o industrial; ademais recóllese a construción dun pretendido Parque Tecnolóxico que para a CIG debera ser de promoción pública, como o que xa está iniciado pola Universidade”, aseverou.

Conservación dos caudais e regos

O texto do novo PXOM esquece a conservación de regos e caudais naturais, non achega solución nin actuacións a respecto do plano de mapas e ruídos, desenténdese da posíbel ampliación da AP-9 á altura de Monte Alfeirán e non estabelece medidas a respecto das deficiencias no antigo vertedoiro de Bens, cualificado como zona verde.

Por iso, dende a CIG reclamouse a anulación do Convenio adxunto de Monte Alfeirán para que pase a ser unha zona verde para reequipar a cidade nun lugar onde vai ser máis accesíbel que os grandes parques que se están a proxectar no novo plano, así como que se dea resposta á “escandalosa” situación no Parque de Bens, máis cando se está mantendo como solo urbanizábel todo o seu entorno.

Medidas sobre o Porto

A respecto do ámbito do Porto, a CIG solicitou que se exclúa calquera ordenación no ámbito do Plan Especial do porto, por non ter competencias o Concello, limitándose a reflectir a realidade de usos actuais do porto. “Quéresenos meter pola porta de atrás unha reordenación e xustificación da grave actuación que se quere facer coa desafección do porto. O convenio de 2004 estabelece que non se pode desafectar nin cambiar os usos do porto mentres non estean operativas as novas instalacións de Punta Langosteira. As actuacións nos terreos do porto repercuten na ordenación dunha parte da cidade e no futuro dos postos de traballo que hai neste momento e que a súa reordenación puidera pór en cuestión”, apuntou Carril.

Polo tanto, reclamou que se elimine o convenio asinado, xa que implicaría unha modificación do Plan Especial  que non se ten realizado e porque o Concello non pode gobernar sobre ese solo.

No arquivo adxunto pódense ler as alegacións completas presentadas pola CIG.

Documentos
Alegacions_CIG_PXOM.pdf
cig.prensa@galizacig.com