Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 19/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Un numeroso grupo de traballadores e traballadoras concentráronse ás portas da consellaría de Traballo, mentres os seus compañeiros/as permanecían pechados no interior.

A policía desaloxa pola forza os/a traballadores/as de instalacións deportivas pechados na Dirección Xeral de Relacións Laborais

Os axentes rebentaron a porta cun mazo e identificaron a todas as persoas que participaron no encerro
Contra das tres da tarde a policía entraba a golpe de maza no despacho do Director Xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, para desaloxar pola forza ao grupo de traballadores e traballadoras de instalacións deportivas que permanecían pechados na sala dende ás dez da mañá para esixir a mediación real da Xunta neste conflito. Os axentes sacaron á forza aos presentes provocando contusións a varias das persoas que participaban desta acción así como procederon a identificar a todos os presentes. Paralelamente, arredor de douscentos traballadores/as do sector permanecían concentrados no exterior do edificio da Consellaría de Traballo e Benestar para reclamar á administración galega que cumpra cos seus compromisos.
Imaxe cedida por Adrián Cunha (Pixelin).

Logo de varias horas pechados no despacho de Odilo Martiñá, director xeral de relacións laborais, a policía rebentaba a pechadura da porta para sacar á forza a trintena de traballadores/as e delegados/as sindicais que permanecían no interior do cuarto. Segundo explicou o Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, durante o brutal desaloxo, realizado por un numerosos grupo de axentes, os policías ensañáronse especialmente con dúas persoas ás que provocaron múltiples contusións e mesmo a un dos pechados lle tentaron luxar o ombreiro. Así mesmo, a policía procedeu a identificar a todas as persoas que participaran do peche.

A forza policial puña fin a cinco horas de peche no despacho de Martiñá. Unha acción realizada polos traballadores/as de instalacións deportivas como medida de presión para lograr que, dunha vez por todas, a Xunta asuma a súa responsabilidade neste conflito e cumpra cos seus compromisos de mediar diante da patronal, de cara a conseguir que esta sente novamente a negociar unha saída ao conflito.

Falta de compromiso

“Tanto Beatriz Mato como o presidente Feijoo comprometéranse publicamente a implicarse neste conflito e a mediar para conseguir unha reunión coa patronal. Unha semana despois non tiñamos nin día nin hora para a xuntanza, así que fómola buscar pola nosa conta”. Con estas palabras resumía a acción desta mañá o Secretario de Organización da CIG-Servizos, Xosé Lois Martín Freire, quen criticou con dureza o desentendemento total e absoluto que a Xunta está a manter neste conflito, a pesar de que traballadores/as e sindicatos teñen solicitado en múltiples ocasións a súa intervención para buscar unha saída.

A actuación da Xunta de Galiza neste conflito, que se vén prolongando dende hai dous anos, amosa o deseinterese desta administración polas problemáticas laborais e as cuestións que afectan ao benestar dos traballadores e as traballadoras galegas, e o seu respaldo total a unha patronal que se nega a asumir, entre outras cousas, un incremento salarial que suporía cobrar mil euros no 2012. Así mesmo, a Xunta de Núñez Feijoo está a demostrar o seu máis absoluto desprezo polos milleiros de usuarios e usuarias que tamén están a padecer os efectos da folga indefinida.

Asembleas o sábado e posíbel xuntanza o luns

Freire tamén apuntou que, tras o desaloxo policial, Martiñá mantivo unha xuntanza cos representantes sindicais aos que trasladou a convocatoria dunha reunión coa patronal o vindeiro luns; sempre e cando o empresariado non se bote para atrás xa que permanece impasíbel na súa esixencia de desconvocatoria de folga.

A este respecto hai que lembrar que este sábado 20 están convocadas asembleas de traballadores e traballadoras en A Coruña, Lugo e Pontevedra, nas que quedarán marcado o calendario a seguir e se abordará o acontecido nas últimas xornadas. 

Dezanove días de folga

O persoal continúa adiante coa folga, que hoxe cumpriu o seu décimo noveno día, e mantén a loita para conseguir un convenio galego de instalacións deportivas que dignifique as súas condicións e remate coa precariedade existente neste sector. Mentres as empresas, moitas delas con concesións de servizos públicos, continúan a incrementar os seus beneficios.

cig.prensa@galizacig.com