A sección sindical da CIG do Grupo Gas Natural, vén de amosar á Dirección da Empresa o seu máis absoluto rexeitamento ao devandito plan por considerar que non responde a unha necesidade organizativa do grupo, a raíz da fusión de Gas natural con Unión Fenosa, senón máis ben a un recorte do cadro de persoal que ten como obxectivo xerar uns maiores beneficios e reparto de dividendos.
“Nós non estamos en contra do obxectivo empresarial de pretender conseguir maiores beneficios, pero si estamos en contra de que se acade este obxectivo a costa de recortar dereitos dos traballadores/as, de trasladar custes á seguridade Social e facer aínda máis precaria a calidade do servizo aos clientes da Empresa”, explica o secretario da Sección Sindical Bautista Vega e membro do comité intercentros.
A CIG non entende como poden quere amortizar mil postos de traballo, cando en Unión Fenosa se están a realizar miles de horas extra extraordinarias, feito denunciado constantemente diante da inspección de Traballo quen, por este motivo ten aberto á empresa multitude de expedientes sancionadores.
A CIG tampouco entende como poden sobrar tantos traballadores cando o servizo de atención ao cliente vén sendo constantemente recortado, pechando oficinas, sen que a calidade mellore.
Prexubilacións
Desde a sección sindical da CIG denuncian ademais que Gas natural pretende xubilar a case que 500 traballadores/as a partir dos 55 anos, a través de despedimentos improcedentes cargándolle á Seguridade Social custes que, en todo caso debería asumir a propia empresa.
Por iso entende que as administracións públicas, tanto do Estado como autonómicas e locais, deben dar resposta a este Plan do Grupo Gas Natural exixindo o mantemento do emprego e non consentindo maiores cargas e prexuízos para a Seguridade Social. Neste sentido, Vega lembra que en Unión Fenosa “tiñamos un sistema de prexubilacións e a empresa facíase cargo do 100% do custo”
A sección sindical salienta que nunha situación de recesión económica como a actual, con máis de catro millóns de parados, non se pode permitir que haxa empresas solventes que anden a estragar cartos públicos que son necesarios para resolver situacións dramáticas como as que se dan noutras empresas, cousa que é a realidade actual de Gas Natural.
Engaden que non se está a falar dunha empresa en crise, con problemas económicos ou financeiros, senón dun grupo empresarial que obtén enormes beneficios, que recibiu cuantiosas axudas públicas e que, polo tanto debería ser líder na creación de emprego.