Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 19/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Masivo seguimento dos traballadores/as de Ence nas dúas xornadas de folga na planta de Pontevedra

Co paro, que tamén afecta ao centro de Huelva, o persoal quere denunciar os abusos cometidos pola dirección e reclamar un plano de xestión empresarial
O 99% dos traballadores e traballadoras de Ence en Pontevedra secundaron as dúas xornadas de folga convocada polo Comité Intercentros na empresa en demanda dun plano estratéxico que garanta o futuro dos empregos, contra dos reiterados incumprimentos dos convenios e acordos, así como para denunciar a falla de medidas de seguridade, a mala xestión empresarial e o deterioro das relacións laborais. A folga que comezou ás 6:00 horas do xoves 18 darase por rematada á mesma hora deste sábado, aínda que o Comité non descarta a convocatoria de novas medidas de protesta.
Mobilización nas instalacións da empresa o pasado 4 de marzo.

Como un éxito total se pode cualificar a convocatoria de folga de 48 horas na fábrica de Ence en Lourizán e, de feito, segundo informou Eladio Torres, delegado da CIG, tan só un operario quixo acceder ao seu posto de traballo. Esta resposta contundente e unitaria amosa ás claras o malestar que existe entre o conxunto dos traballadores, que nas últimas horas recibiron ameazas de posíbeis represalias por parte da dirección. Por iso, dende o Comité agradeceron a todo o persoal a colaboración e a resposta dada a esta convocatoria e denunciaron novamente os abusos laborais cometidos pola empresa.

A convocatoria, que tamén afecta ao centro de traballo de Huelva e ao de Navia (aínda que neste último optaron por desenvolver concentracións en lugar da folga), chega tras das continuas negativas da empresa a informar aos persoal sobre os planos de futuro para a empresa, a mala xestión que ten levado mesmo a unha falta de previsión no subministro da madeira ou aos reiterados incumprimentos dos convenios e acordos, obrigando, por exemplo, aos traballadores/as a desfrutar das vacacións non nos períodos elixidos, senón cando o decida a dirección.

Neste senso, Torres explicou que dende primeiros de ano estase rexistrando unha baixada da produción, que os traballadores/as sospeitan poida estar relacionada cunha tentativa por parte da empresa de especular co monte galego. Tanto é así que a factoría de Pontevedra está a operar con madeira de eucalipto importada dende o Congo e Chile, dunha variedade diferente, que está a provocar unha menor produtividade. “Cremos que Galiza ten un gran sector forestal para fomentar e non podemos permitir que a nosa materia prima marche para fóra, mentres aquí se importa madeira”, criticou o delegado da CIG en Ence.

Das 1.200 toneladas por día que se fabricaban o pasado ano pasouse a 1.000 toneladas ao día, situación que, de continuar nesta liña, suporá a quebra da planta. Esta situación, aclara Torres, contrasta co feito de que a fábrica de Navia ten unha produción diaria de 1.300 toneladas, abastecida con eucalipto procedente de Galiza. Ademais, a caída da produción repercute directamente nos salarios dos traballadores/as, que están deixando de percibir entre 200 e 300 euros ao mes polas primas ligadas á produtividade.

cig.prensa@galizacig.com