Con esta acción, a CIG-Construcción trasladaba as protestas que nos últimos meses vén desenvolvendo na AP-9 á sede da Deputación de Pontevedra, onde se instalaron durante unhas horas arredor de 60 traballadores e delegados/as da central. O obxectivo, exixir unha reunión urxente co presidente do PP na provincia, Rafael Louzán, para preguntarlle sobre a posibilidade dunha connivencia con Valoriza Conservación.
Xaquín Agulla, responsábel da CIG-Construción na comarca de Pontevedra, explicou que a súa intención era coñecer de man de Louzán se existe algunha relación entre os despedimentos e a chegada do PP á Xunta de Galiza. “Queremos saber se o Partido Popular ten algún compromiso para exonerar á Valoriza de cumprir coas obrigas impostas na Lei Autonómica de Prevención de Incendios Forestais”, a respecto da conservación e limpeza das autoestradas.
Explicar as posíbeis relacións
As dúbidas sobre esta cuestión xurdiron, explica Agulla, polos termos da carta de despedimento recibida polos traballadores catro días despois das eleccións de marzo, na que se recolle de xeito explícito que a empresa vai sufrir unha redución das tarefas de conservación das estradas. “Que nós saibamos, aínda non se cambiou a lei, polo que se Valoriza tivo que incrementar o seu cadro de persoal no 2007 para cumprir co mandato, non vemos que redución das tarefas de conservación vai rexistrar”, apunta Agulla.
Abundando nesta cuestión, o responsábel da Construción en Pontevedra, lembrou que “levamos meses sinalando ao PP como responsábel político destes despedimentos e aínda non saíron a defenderse das nosas acusacións”.