Na Mesa Xeral de Negociación do Concello, celebrada o 17 de xuño, a concelleira delegada de recursos humanos presentou unha nova proposta de modificacións puntais da Relación de Postos de Traballo (RTPT). Esta proposta, segundo explica Hortensia Freire, secretaria da sección sindical da CIG no Concello de Ferrol, prodúcese cando está pendente a apertura da mesa de negociación da proposta de nova RPT para o conxunto do persoal do Concello que elaborou a Universidade de Santiago de Compostela e que foi presentada aos sindicatos hai aproximadamente un mes.
Por este motivo, a CIG solicitou previamente á concelleira a retirada do punto da orde desta modificación parcial, indicando que non se entraría en ningunha negociación de modificación puntual que afecta a un grupo reducido de postos, solicitude que foi ignorada polo goberno local. Freire sinala que a postura da central na mesa foi apoiada polas restantes organizacións sindicais.
“Esta é a segunda proposta de modificación puntual da RPT, un mes despois de que o goberno presentara outra proposta de modificacións puntuais para incluíla no proxecto do Orzamento Xeral 2009. Esta proposta, presentada en mesa de negociación tres días antes do Pleno de aprobación inicial dor orzamentos, non contou tampouco co respaldo dos sindicatos, malia o que foi levada ao pleno e aprobada”, explican dende a sección sindical.
Esta modificación supón, entre outras, o cambio do Complemento Específico de 13 traballadores, e a conseguinte suba retributiva. Nalgún caso, como o do Xefe de Negociado de Seguridade, supón un aumento de 1.700 euros anuais.
“Estas modificacións retributivas non responden a ningunha valoración feita en base a criterios obxectivos como é preceptivo, Por este motivo, ademais da alegación presentada aos Orzamentos xerais, procederemos na vindeira semana a presentar un contencioso administrativo contra o acordo plenario de aprobación”, sinala Hortensia Freire.
Dende a CIG enténdese que o goberno municipal está a facer unha RPT paralela, incumprindo os acordos acadados en canto a promover unha reforma global de maneira anticipada e consensuada.