Un dia máis, e baixo un sol e un calor abafante, os traballadores e traballadoras do Metal en folga saían ás rúas para demandar un convenio xusto. Saín asi desde Barreras, desde Teis, mentres o resto do sector se dirixia diretamente á Praza do Concello, onde tería lugar unha asemblea.
Asemblea no Concello
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, leu primeiro novas achegas internacionais ao manifesto de solidariedade co sector do metal.
Reunión coa Conselleira
Sobre a reunión que se mantivo na xornada do xoves á tarde coa Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, Malvido sinalou que "nos tamén lle trasladamos a nosa visión da negociación colectiva, tamén lle trasladamos por onde considerabamos que podían pasar os acordos despois de tantos dias de conflito e negociación, tamén lle transmitimos que non nos valia que se reunira coa Patronal conxuntamente e cos sindicatos por separados, porque nós non temos problemas de dicir cales son as nosas propostas, tanto en asembleas como coa Conselleira, como diante dos demais sindicatos". Malvido engadiu tamén que "lle trasladamos que ademais da regulación da xornada e do salario, para o noso sindicato o tema de regulación de contratación do naval era unha condición sine quae non para que houbera un preacordo".
Convocatoria de folga
"Nós como CIG imos modificar a convocatoria de folga da semana que vén: a partir do luns folga de oito horas para todo o mundo, martes e mércores tamén, e o xoves folga xeral do Metal. Ímoslle dar cobertura a todos aqueles compañeiros que queiran solidarizarse con nós para que o xoves estean na folga e na rúa con nós, porque senón metemos hoxe a convocatoria xa non o poderían facer", concluiu. Malvido subliñou que a CIG ten total disposición para negociar "as horas que fagan falta e os dias que sexa precisos, pero iso si, nós non estamos na negociación a calquera prezo".
A Patronal manifestou a súa vontade de repensar durante a fin de semana a súa postura, polo que até a próxima semana non están previstas novas reunións de negociación do Convenio do Metal de Pontevedra.