1º.- A forGA é unha fundación sen ánimo de lucro, declarada de interese social pola Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza no ano 1996, con persoalidade xurídica propia e gobernada por un Padroado, sometido ao control do Protectorado da propia Xunta de Galiza e, nese sentido, as decisións desta entidade son autónomas e independentes de calquera outra organización política ou sindical; supervisadas polo Protectorado que exerce sobre elas a Administración Autonómica.
2º.- O obxecto social da forGA consiste en proporcionar formación aos traballadores e traballadoras de Galiza para cualificarse ou recualificarse nos seus postos de traballo, así como para contribuír á facilitar a procura de emprego. Este papel está especialmente protexido tanto polas normas constitucionais do Estado, como pola normativa laboral.
3º.- A forGA conta co aval e a aprobación do protectorado que exerce a Xunta de Galiza, a respecto de todas as súas decisións, tanto de índole económica, como corporativa, en todos os anos da súa vida social.
4º.- Dende o ano 2009, asumido o Goberno da Xunta de Galiza por parte do Partido Popular, a forGA sufriu unha minoración sistemática e planificada dos fondos que como entidade de interese social lle corresponden; co obxecto evidente de impedir que organizacións como a nosa puidesen operar no ámbito da formación para o emprego, por non ser da corda do poder que goberna o noso País. Entre o 2009 e o 2010 a Xunta reduciu os fondos atribuídos a forGA en máis do 30%, mantendo estes mesmos fondos a outras entidades, con liñas de actuación social mais ao gusto da autoridade autonómica.
5º.- No ano 2012, o Goberno Estatal do Partido Popular, na liña da reforma laboral aprobada, acordou, por medio do Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2012, reducir os fondos destinados á formación para o emprego nas seguintes cantidades:
A maior especificación, o acordo do Goberno popular en 2012, consistiu en non achegar nin un só euro (0 €) dos orzamentos do Estado, á formación para o Emprego; distribuíndose entre as entidades encargadas da formación neste País, das que a forGA forma parte, só as cotas de formación profesional que se deducen mensualmente, das nóminas e recursos, a traballadores/as e empresarios/as.
Así as cousas, consonte cos obxectivos da reforma laboral, o Partido Popular aposta por un sistema formativo baseado na FORZA DO TRABALLO e non no COÑECEMENTO DOS TRABALLADORES/AS. Procúrase precarizar as condicións dos traballadores e traballadoras para devaluar a economía e facer competencia a economías do terceiro mundo.
6º.- Os recurtamentos antes sinalados implican que a entidade forGA vaia ver minorados os seus recursos, destinados á formación de traballadores/as, en mais do 50% a respecto dos recursos dos que dispuña no 2011 e en mais do 80% a respecto dos recursos dos que dispuña no 2009.
7º.- O xornal “La Voz de Galicia”, na súa liña de “disparar antes de apuntar”, cumprindo co papel que ten reservado neste País, por parte da dereita extrema que o goberna, desinforma á cidadanía a respecto do problema explicado, achegando unha serie de datos, que nin son obxectivos, nin son certos; procurando, iso si, menoscabar a ética e a coherencia na actuación da nosa fundación. A saber:
a) A forGA non presentou un ERE extintivo para 30 persoas, senón que, despois de analizar a súa situación económica, formulou unha medida de regulación de emprego extintiva, que afecta a 11 compañeiros e compañeiras e unha medida de regulación de emprego de suspensión temporal de contratos, que afecta a 4 compañeiros e compañeiras máis.
b) A forGA non “aproveitou” ou “aplicou”, como di o La Voz a reforma laboral, por canto, a oferta da entidade á representación legal dos traballadores/as, para que os compañeiros/as afectados poidan saír nas mellores condicións posíbeis é a seguinte:
c) A forGA non procura discriminar a ninguén, por ningunha razón, moito menos política, como o demostra o feito de que existe a acordo xa coa Representación Legal dos Traballadores/as, a respecto da medida suspensiva e estamos a piques de alcanzalo, no que atinxe á medida extintiva.
8º.- Nestas circunstancias, gustaríamos saber en que se fundamenta “La Voz de Galicia” para facer as afirmacións e acusacións que fai, sen previamente contrastalas coa dirección da nosa entidade; non sendo que o que procure, a Dirección do xornal, sexa facer algo totalmente alleo ao xornalismo e á ética xornalística. Por outra banda, coa cantidade de problemas económicos e EREs que se están presentado por empresas ben máis importantes e moito menos sociais que a forGA, só nun contexto propagandístico e partidario se entende a preocupación e manipulación que fai La Voz de Galicia sobre a situación da forGA. Até onde nos coñecemos o xornalismo baséase no contraste das fontes: o contrario é propaganda.
En Vigo, a 19 de xuño do 2012
Antón Francisco Casal Díaz
Mercedes García Matos
Óscar Pérez González
Membros da Equipa de Dirección da forGA