Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 19/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Empregados/as da ITV e delegados/as da CIG protestan nas estacións de Pontevedra para pedir a readmisión do compañeiro despedido

A CIG convocou tamén dúas xornadas de folga na concesionaria SyC para denunciar este novo caso de represión sindical
Centos de traballadores/as da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) e delegados/as da CIG participaron este mércores 20 na última das tres concentracións convocadas en todas as estacións da provincia de Pontevedra para esixir a readmisión dun compañeiro despedido por SyC, a empresa concesionaria. A CIG ten convocadas tamén dúas xornadas de folga parciais a finais de mes para denunciar este novo caso de represión sindical xa que o afectado era delegado do comité de empresa.

As concentracións desenvolvéronse ás portas das ITV pontevedresas no cambio de quenda, entre as 14.00 e as 15.00 horas, este luns, o martes e hoxe mércores nas estacións de Peinador (Vigo), Curro, Pontebora, Lalín, Vilagarcía e Porriño. O calendario de mobilizacións inclúe tamén unha convocatoria de folga de catro horas (de 8.00 a 12.00 horas) para os días 29 e 30 de xuño.

No caso de Vigo, arredor dun cento de persoas trasladáronlle cada xornada a súa solidariedade a Antonio Rosales, o membro do comité de SyC (empresa concesionaria das ITV en Galiza) despedido por facer un suposto uso excesivo das horas sindicais durante a negociación do convenio.

Os feitos remóntanse a novembro de 2011 coa constitución da mesa negociadora, da que pasou a formar parte. “Comunico en tempo e forma que vou facer uso das horas sindicais para informar os meus compañeiros/as por todo o país, tendo en conta que son a persoa de referencia da CIG nas ITV, pero a empresa di que non teño dereito”, comenta.

Con todo, Rosales non renuncia a coller as horas sindicais ás que ten dereito por lei e comunícao cunha semana de antelación cada vez que vai facer uso delas. “Había moito traballo por facer porque era necesario informar a todos os compañeiros/as, tendo en conta que era a primeira vez que se ía negociar un convenio de empresa, polo que me decidín a coller as horas, ademais de por principios sindicais”, indica.

A súa sorpresa chegou cando unha vez celebrado o referendo no que se aprobou o preacordo de convenio deixa de facer uso das horas e regresa ao seu posto. “Entón a empresa ábreme un expediente disciplinario porque di que faltei 59 días ao traballo; agora resólveo considerando que se trata dunha infracción moi grave e opta por despedirme”. O ex delegado da CIG en SyC asegura que é moi fácil de comprobar en que cada un deses días os que alude a compañía se atopaba nalgunha das estacións da ITV do país.

cig.prensa@galizacig.com