Os paros de dúas horas (de 08:00 a 10:00 horas) continuarán por terceiro día consecutivo mañá mércores. Para esta xornada, os traballadores teñen previsto facer un reparto de folletos entre os veciños/as da Corveira e unha pegada de cartaces pola Avenida de Vilaboa para informar á cidadanía da situación que están a padecer e esixir unha solución.
Coa convocatoria de folga, que se estenderá até o venres 22 de xuño, os traballadores queren reclamar o cobro dos atrasos salariais (dúas nóminas, a paga extraordinaria de nadal e os atrasos correspondentes aos anos 2010 e 2011) e esixir ao propietario que informe á representación do persoal a respecto das intencións que ten co empresa. Os delegados da CIG en Industrias Caamaño (dedicada á carpintería de aluminio e aceiro) rexeitan o “total pasotismo” do empresario, que continúa negándose a explicar os motivos destes atrasos no cobro das nóminas e non achega ningunha información sobre os contratos ou as contas da compañía.
Desvío de fondos a outras empresas
O persoal sospeita que estas actuacións responden a unha manobra premeditada do empresario e temen que estea a desviar fondos de Industrias Caamaño a outras empresas da súa propiedade co obxecto de pechar as instalacións da Avenida da Cordeda. A este respecto, os delegados sinalan que a factoría segue tendo actividade, pero é o propio dono o que dificulta a adquisición de materiais e polo tanto o cumprimento en tempo dos traballos contratados.
A maiores, os traballadores denuncian que o propietario de Industrias Caamaño está a aplicar unha política de persecución e coacción contra aqueles traballadores que presentaron denuncia no xulgado para poder cobrar os seus salarios. Até o momento xa se produciron dous despedimentos de operarios que denunciaron á empresa por impagamento das nóminas, sendo un dos afectados delegado de persoal.
Ademais, a outro traballador que denunciou a débeda salarial, a empresa, como castigo, deixoulle de pagar dende o pasado mes decembro e estalle a aplicar unha estrita política de control e presión.