A Consellaría de Traballo e Benestar da Xuta de Galiza propón unha distribución, para 2012, dos fondos destinados á formación que, a xuízo da CIG, “viola os criterios finalistas que os regulan e mesmo pode incorrer en ámbitos de transcendencia xurídica de máis graves consecuencias”.
Dos 81,5 millóns de euros destinados ao noso país, a Xunta atribúe 54,5 millóns a programas para desempregados, 8 millóns a programas para activos e 18 millóns a Escolas Obradoiro. Alén diso, dos 8 millóns encadrados na formación para traballadores/as en activo, propón investir só 6 millóns no ano 2012, asegurando que hai xa 2 millóns comprometidos do ano anterior.
Fronte a isto, a CIG demanda que se realice unha nova distribución dos fondos de formación para o emprego, no ano 2012, con destino íntegro a programas de formación para o emprego, xa que eses recursos proveñen, en exclusiva, das cotas de traballadores/as e empresariado a este fin, ao non ter achegado o goberno un só euro para tal fin.
A central sindical solicita, asemade, que feita a nova distribución, se negocie o Borrador de Orde da convocatoria de formación continua para 2012, tendo en conta que os 18 millóns de euros previstos para Escolas Obradoiro e os 2 millóns de euros con destino descoñecido, deben ser aplicados á formación para o emprego de traballadores/as ou desempregados/as.
Do mesmo xeito, exixe que se dote ao programa de Escolas Obradoiro dun orzamento propio derivado dos fondos destinados a emprego e á formación do emprego; posto que, en caso contrario, serían as cotas de formación profesional dos traballadores/as e empresariado as que estarían a financiar as políticas de emprego do actual goberno.
Ante isto, a central sindical considera que o borrador que se propón, derivado da recente reforma laboral, evidencia a “escandalosa” ausencia de dirección política en materia de emprego e formación do goberno.
Manuel Anxo García Torres, secretario confederal de Formación, denuncia a “perversa utilización da fraude e do engano político” como vía de actuación social e o “cuestionábel desvío de fondos finalistas de formación para o emprego, detraídos das nóminas das traballadoras e traballadores e empresariado para actividades múltiples que non retornan aos colectivos aos que se lles practicaron os descontos, en forma de acción de cualificación e recualificación profesional”.
Lembra que a CIG xa leva anos cuestionando, tanto pola vía política como xudicial, as accións continuas de discriminación que vén practicando a consellaría de Traballo con esta central sindical, polo único feito, afirma “de non sermos do gusto dos dirixentes que rexen esta institución”.
Sinala que a central sindical vén alertando de que o modelo de formación do PP estaba fracasado de antemán porque non ía á raíz dos problemas de traballadores/as, desempregados/as ou empresariado. “A redución de fondos destinados a Galiza para a formación para o emprego, pactada na Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais é de tal calado”, di, que supón dinamitar tanto o chamado diálogo social como o “exiguo crédito e fiabilidade dos gobernantes populares”.
García Torres engade que a dirección da política laboral, de emprego, de formación e mesmo social “se está encarreirando desesperadamente, cara a alcanzar un único obxectivo: constituír un sistema produtivo baseado na forza bruta do traballo, en troques de conformar un sistema de produción novo, fundamentando na plusvalía que xera o coñecemento e a formación”. Afirma que do que se trata “é de devaluar o nivel de vida da maioría, xa que non se pode devaluar a moeda, co obxectivo de atraer emprego barato e precario”.