Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 19/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG saúda o contrato con Pemex pero alerta que os dous buques hoteis non serán a salvación do naval galego

Os representantes do persoal de Navantia continúan o peche no Concello de Ferrol á espera de que se convoque a reunión da Comisión do Dique
A CIG deu a benvida á sinatura do contrato coa petroleira mexicana Pemex para construír dous barcos hoteis nos estaleiros de Ferrol e Vigo, para asistencia en mar a plataformas petrolíferas. Porén, a central nacionalista alerta que estes contratos non supoñen por si sós a salvación do sector naval público e privado en Galiza, tal e como pretende vender o Presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feijoo, mentres non se garanta a construción do dique flotante para Navantia nin se resolva a problemática do tax lease para os estaleiros privados.

O co voceiro da CIG de Ferrol, Manel Grandal, daba a benvida a calquera novo contrato para Navantia, mais advertiu que un flotel non garante nin a viabilidade da industria na comarca, nin o mantemento do emprego nin a recuperación dos postos de traballo destruídos nas empresa auxiliares, cifra que no último ano ascende xa a 1.700 empregos.

O representante da CIG criticou o uso propagandístico e claramente electoralista co que se está a tratar a crise do sector, puntualizando que “por primeira vez na historia de Navantia, asínase un contrato sen que a empresa teña comunicado á representación dos/as traballadores/as nin as características nin as condicións do mesmo”.

Neste liña, puña en dúbida as desorbitadas cifras ofrecidas esta tarde polo Presidente da Xunta, asegurando que a construción dos floteis dotará aos estaleiros de Vigo e Ferrol  de un millón e medio de horas de traballo e ocupará a 1.500 operarios/as, durante 30 meses. “Calquera que faga un cálculo rápido enseguida descubre a falsidade destes datos”, subliña.

O coordinador do Naval da CIG, César Rodríguez, negaba categoricamente que se vaia dar emprego a 3.000 operarios de Ferrol e Vigo: “ocuparanse como máximo a 450 traballadores/as en cada estaleiro. Sabemos isto polas dimensións dos barcos, e porque son exactamente idénticos ao feito por Barreras a Noruega e entregado a mediados do ano pasado”.

A CIG insiste na necesidade de construír o dique

Do mesmo xeito, Grandal rexeitou con rotundidade a aseveración de Feijoo a respecto de que con este contrato se resolve a problemática da industria naval galega. Moi ao contrario, dende a CIG insístese que, alén de continuar na procura de máis carga de traballo, é necesario reclamar a construción do novo dique flotante, como unha ferramenta indispensábel para garantir o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol. 

Ante a falta de respostas por parte de Navantia, a representación dos traballadores e traballadoras acordou continuar co peche no Concello de Ferrol até que se concrete a data de reunión da Comisión de Seguimento do dique.

O Goberno evita resolver a cuestión do tax lease

En canto ás instalacións viguesa, Rodríguez explicaba que estes barcos, unha vez asinado o contrato e cos avais e financiamento feitos, poderán comezar os traballos de xeito gradual (cortar chapa) no primeiro trimestre do ano que vén. Polo tanto, “haberá plena ocupación nas instalacións de Barreras, seguindo o calendario sen incidencias no último trimestre do ano que vén”.

Non obstante, trouxo a colación outra problemática que o Presidente da Xunta esqueceu nomear: con este contrato non soluciona o problema do naval na comarca nin tampouco o de Barreras, “porque sen tax lease non somos competitivos e sen Pymar non existe financiamento”.

Así, Rodríguez lembrou que na actualidade Vulcano e Freire non teñen carga de traballo á vista e Armón e Cardama están con escasa ocupación. Con este barco Barreras ocupa só un 30% da súa instalación produtiva e sen perspectiva maior una vez acabado o barco.

“A verdade que podemos constatar é que o Goberno español, que ten competencia para aprobar o tax lease no Parlamento modificando o imposto de sociedades, non o fixo até agora nin ten pensado facelo.  O Goberno ten decidido liquidar Pymar, por tanto non existe instrumento público que avale os contratos. Debemos ter en conta que Pymar tiña un fundo de 300 millóns de euros, que non foron compensados polos Estado; e por iso non existe decisión política de apostar polo naval”, concluía.

cig.prensa@galizacig.com