Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 19/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Plataforma esixe ao Goberno que fixe datas e dote de orzamentos ás actuacións para o saneamento da Ría do Burgo

O colectivo critica a demora na elaboración do proxecto de dragado e tratamento de lodos e adianta que continuará coas accións reivindicativas
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo compareceu este mércores en rolda de prensa para avaliar a actual situación da ría, días antes de que o Goberno español presente os Orzamentos Xerais do Estado e logo de ter recibido escrito dende a Presidencia do Goberno español, así como presentar o novo calendario de actividades previstas polo colectivo para denunciar a contaminación das augas e falta de accións por parte das administracións.

O patrón maior da Confraría da Coruña, Manolo Cao, o Presidente da Asociación de Veciños/as o Noso Burgo, Ramón Sixto, e o Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Paulo Carril, aproveitaron a comparecencia para valorar a carta remitida pola presidencia do Goberno español en resposta ás alegacións presentadas pola Plataforma esixindo a inclusión de partidas orzamentarias destinadas á ría nos Orzamentos Xerais do estado deste ano.

Cao explicou que, no escrito, o Goberno estatal ten previsión de iniciar “no presente exercicio” a redacción do proxecto de dragado, xestión e tratamento de lodos, actuacións que asume de xeito integral, xa que á Xunta e aos concellos corresponderíanlle as accións para eliminar os verquidos.

Neste senso, o patrón maior criticou a lentitude coa que se aborda a conclusión e posta en marcha deste proxecto, así como a ausencia de prazos e dotación de partidas orzamentarias para unha actuación que cualificou de “imprescindíbel”. Por iso, dende a Plataforma volverán esixir que se estabelezan datas límite, así como que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2013, que o goberno presentará a finais de mes, aparezan consignadas as contías precisas.

Así mesmo, segundo se recolle na carta, a Xunta informou ao Estado que xa tiña iniciado actuacións para a instalación do colector dos Templarios, os bombeos e acometidas fecais en varios puntos da ría e a mellora da estación do Temple. Neste senso, Paulo Carril censurou o “descaro” do Goberno galego ao informar que levou a cabo diversas intervencións relacionadas co saneamento da Ría, “cando as medidas adoptadas foron escasas e os episodios de novos vertidos se repiten con frecuencia”.

“O que non estamos dispostos a tolerar é que se volva falar dunha nova fase de estudos cando o que fai falla son actuacións urxentes”, aseverou. Sobre isto, lembrou que nas previsións dos orzamentos deste ano tampouco aparecía recollida ningunha dotación económica para a Ría do Burgo durante os anos 2013 e 2014 e que nin sequera as diferentes administracións son capaces de chegar a un entendemento.

Dende a Plataforma lamentouse a desidia para afrontar a problemática da ría cando, nun momento de crise económica como o actual, se converte non só nunha necesidade medioambiental, senón tamén nunha aposta polo potencial da ría como motor de creación de emprego e reactivación económica.

A Plataforma trasladará estas cuestións ao Executivo español nun escrito que entregará o vindeiro luns, 24 de setembro, na Delegación do Goberno.

Novo calendario de actividades

A este respecto, Ramón Sixto, apuntou que o escrito remitido por Presidencia é unha oportunidade estupenda para demostrar o compromiso real do goberno coa recuperación e rexeneración da Ría, plasmado a través dos orzamentos xerais. “Non queremos pensar que esta carta chega por puro oportunismo electoral”, matizou.

Sixto adiantou que a Plataforma ten intención de seguir co seu calendario de actividades, e no mes de outubro organizarán unha regata co obxecto de remarcar o valor que ten a Ría como espazo de lecer. Así mesmo, a finais de novembro ou principios de decembro, está previsto realizar unha carreira popular á beira da ría. 

cig.prensa@galizacig.com