Con esta nova concentración, que tivo lugar entre as 12 e as 14 horas, a central nacionalista quere denunciar a actitude de Gadis, que impuxo unha sanción por unha infracción moi grave a un integrante do comité provincial da Coruña, por negarse a descargar un camión estacionado no medio da rúa, nunha zona non habilitada e por onde circulan os vehículos.
Dende hai anos, a CIG vén denunciando, no Comité de Seguridade, que as condicións nas que se realiza a descarga dos produtos para as tendas non reúne as características axeitadas para garantir a seguridade dos traballadores e as traballadoras. Ademais, a lexislación impón a obriga de realizar esta tarefa ás empresas de transporte, a pesar de que neste caso a faga o propio persoal do supermercado.
Esta situación vese complicada polos problemas de tráfico, xa que habitualmente a descarga dos produtos prodúcese no medio da rúa, cos camións estacionados en zonas non habilitadas ou mesmo parados en dobre fila, cun risco real de que os empregados/as sexan atropelados polos vehículos que circulan polos carrís contiguos. E aínda que esta problemática xa está denunciada na Inspección de Traballo, polo de agora a empresa non adoptou ningunha medida para resolver a situación.
Neste sento, o representante do persoal denunciou que en ocasións os traballadores/as mesmo teñen que sacar as mercadorías polo medio dos vehículos, e xa se teñen rexistrado varios accidentes, aínda que por sorte, estes foron de carácter leve.
Sanción exemplarizante
Hai aproximadamente un mes, os responsábeis da tenda de Gadis na Praza de Lugo mandaron saír ao medio da rúa ao traballador afectado para descargar un camión. O delegado procedeu á descarga das mercadorías polo lado que daba contra da beirarrúa, mais negouse a realizar a descarga do lado do camión situado enriba dun carril polo que nese momento circulaban vehículos, entendendo que esa situación carrexaba un grave risco para a súa saúde.
Como consecuencia desta negativa, a empresa abriulle un expediente que rematou nunha sanción para o traballador. Para a CIG esta sanción resulta totalmente desproporcionada cos feitos acontecidos, mais cando o traballador non era o responsábel de realizar a descarga e o camión estaba parado nunha zona non habilitada, pondo en serio perigo a súa integridade física.