Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xunta despide masivamente a traballadores/as dos centros públicos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico

A decisión chega logo do preaviso para as eleccións sindicais e vai supor o desmantelamento das entidades dedicadas a I+D+i
A CIG-Autonómica denunciou publicamente o desmantelamento que a Xunta de Galiza está a levar a cabo das fundacións creadas polo bipartito destinadas á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. O goberno galego vai despedir a máis de 100 traballadores/as destes centros, recoñecendo explicitamente a improcedencia dos mesmos, sen garantir a continuidade da actividade. As notificacións comezaron a chegar logo de que a CIG preavisara da celebración de eleccións sindicais o pasado mes de setembro.
De esquerda á dereita: Anxo Anta, Manuel Gallardo, Suso Baleato e Alexandre Prieto durante a comparecencia de prensa.

O responsábel da CIG-Autonómica, Manuel Gallardo Canitrot, acompañado por Alexandre Prieto, membro da Xunta de Persoal por Pontevedra, Anxo Anta, representante da Xunta de Persoal de Servizos Centrais, e Suso Baleato, ex-coordinador de Mancomún, denunciou a “vulneración dos dereitos sindicais” dos traballadores/as dos centros dedicados á investigación tecnolóxica que a Xunta de Galiza está a levar a cabo.

Pouco antes de mediados de setembro, a CIG deu o preaviso de eleccións sindicais nestes centros. A partir desa data comezaron as comunicacións de despedimento con dúas modalidades: ceses inmediatos nos que a Xunta recoñece a improcedencia dos despedimentos e ofrece as correspondentes indemnizacións de 45 días por ano traballo e, noutros casos, notificacións certificadas sobre a finalización de contratos por obra e servizo o próximo día 31 de decembro.

“Estamos convencidos de que parte  destes despedimentos son unha forma de castigar a aquelas persoas que amosaron interese por participar nas eleccións sindicais escollendo a CIG para representalas, pero tamén é un método para eliminar calquera tipo de desenvolvemento tecnolóxico en galego e para Galiza”, criticou Gallardo.

Desmantelamento dos servizos

Os despedimentos afectan a técnicos de distintos centros de traballo, dos que pola súa importancia pódese destacar tanto o CESGA como a Fundación Calidade. Como consecuencia destes despedimentos, desaparecerían tamén outros servizos impulsados polo bipartito como o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), diversos programas de I+D+i como o IMAN, dedicados a evitar a fuga de cerebros, de apoio ás empresas ou de busca de financiación na Unión Europea. Entre os servizos afectados estaría tamén á Rede de Dinamización da Sociedade da Información, deixando sen servizo a máis de 45 telecentros ubicados en distintas comarcas do país.

A respecto de Mancomún, Suso Baleato destacou o recoñecemento internacional que tiña recibido pola ONU e a Unión Europea como centro de referencia na promoción do software libre dende a administración pública. Co desmantelamento de Mancomún, Galiza tamén vai perder 2 millóns de euros en subvencións europeas que deixarán de tramitarse e en contratos con PEMES que xa non se poderán levar a cabo.

Incumprimento do programa electoral

Neste senso, Alexandre Prieto lembrou que no seu programa electoral, o PP comprometíase a aplicar estándares abertos e software libre na administración e a promover a súa implantación na sociedade galega. Non obstante, unha das primeiras medidas que adoptou Feijoo ao chegar ao goberno foi adxudicar 5 millóns de euros para licencias, dous deles ao xigante Microsoft.

Tamén lembrou o aforro de custos que suporía a utilización do software libre e a necesidade de que sexa a propia administración a que impulse a extensión do seu uso ás empresas e ao conxunto da sociedade. Ademais, denunciouse a hipocrisía do Goberno galego ao criticar o recorte nos Orzamentos Xerais do Estado das partidas destinadas á innovación e desenvolvemento en tempos de crise, mentres desmantela os centros e programas que para tal fin se puxeron en funcionamento no nosos País.

Pola súa banda, Anxo Anta referiuse aos efectos que a decisión vai ter sobre as diferentes unidades administrativas relacionadas con I+D, que teñen encomendas de xestión por realizar, pero que agora non van poder cumprir ao despedirse o persoal encargado de tales tarefas.

cig.prensa@galizacig.com