“Tendo en conta que o DOG non ten actividade nin os sábados nin os domingos, é evidente que eses servizos mínimos eran coñecidos por quen os decretou, cando menos, desde o venres. Atrasar a súa publicación até o luns 31, sabendo que o día seguinte era festivo só pode ter unha intención: imposibilitar a presentación dunha reclamación e impedir que a folga se fixera efectiva”, explica Noceda.
O secretario comarcal da CIG de Compostela explica que estudados os mínimos comprobouse que no conxunto dos centros hospitalarios (catro), practicamente ninguén podería secundar a convocatoria de folga e que mesmo en diferentes servizos estabelecíase un número de persoas superior ás que adoitan prestar os seus servizos. A modo de exemplo, Noceda cita quirófanos, “onde se demandan dúas persoas máis das que adoitan destinarse a este servizo ou o posto de traballo de cristaleiro, no hospital provincial, onde se demandan dous cristaleiros, cando durante o resto do ano só presta servizos unha persoa”.
En todo caso, matiza que alén de querer impor uns mínimos elevadísimos, o SERGAS tamén os calculou en función das presenzas diarias que teoricamente se deberían de dar e que non se veñen prestando neses servizos desde hai cando menos 5 anos. “Non é casual que se lle estivesen ocultando o número mínimo de presenzas diarias exixíbeis á representación sindical, tanto por parte da empresa como por parte da xerencia hospitalaria, malia terllo requirido mesmo a través da inspección de traballo”.
Segundo explica Noceda, esas presenzas foron entregadas por erro aos membros do comité de folga e aos representantes sindicais nunha das xuntanzas convocadas a instancias do SERGAS para tratar sobre a folga. “Chega a situación até tal punto que o luns cambiouse a planilla de traballo da mañá cando menos en tres ocasións, mesmo chamando a casa para incorporarse aos postos de traballo a varias persoas. A partir das 10:00 horas incorporáronse un mínimo de 6 persoas máis, co claro obxectivo de que as presenzas se achegasen aos documentos entregados con antelación”.
Aínda así, o secretario comarcal da CIG de Compostela considera que unha medida do éxito desta convocatoria, que no seu primeiro día non se puido efectivizar, foi a masiva participación das traballadoras/es nas concentracións que tiveron lugar nesta xornada, nas que participou a práctica totalidade do cadro de persoal do servizo de limpeza do hospital e que se veñen mantendo desde hai semanas, todos os luns, mércores e venres. Xunto a iso, todas as traballadoras e traballadores que estaban prestando servizos portaban pegatinas co lema eu estou en folga.
Peche da xerencia
A anécdota da xornada protagonizouna a propia xerencia, que pechou as súas dependencias no Hospital Clínico a “cal e canto” di Noceda. “Era un búnker e non podían saír nin entrar as persoas que ían realizar trámites administrativos nin o persoal que pretendía acceder ao seu posto de traballo”.
Noceda sinala que ante as informacións de que se impedía o acceso do persoal da xerencia apareceu a policía, que comprobou que era a dirección quen mantiña as instalacións pechadas. “ Imposibilitouse o exercicio á folga dos traballadores e traballadoras da limpeza hospitalaria, pero si a secundou o persoal da xerencia que atopou as portas pechadas”, afirma en ton irónico.
O inicio da folga estaba previsto para o día 2 de novembro e a partir de aí para todos os mércores. Os traballadores e traballadoras acordaron convocala para exixir o pagamento dos cartos que se lles adebedan en concepto de carreira profesional, para demandar que non se lles modifique o convenio a través do prego de condicións da nova concesión e que se manteñan os cartos destinados a esta para evitar que haxa despedimentos. Uns recortes que como veñen advertindo desde que comezaron as mobilizacións, repercutirán negativamente na calidade do servizo.