marco
Vigo, 2/12/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Pasadas as dez e media saia da Praza dos Cabalos a manifestación das traballadoras de Prevent.
A presenza policial de novo nunha mobilización de traballadoras volveu ser desmedida.
Diante do edificio da Xunta de Galiza en Vigo, na praza da Estrela.
Perderanse 215 postos de traballo no téxtil da automoción

As traballadoras de Prevent en folga contra a deslocalización maniféstanse polas rúas de Vigo contra o traslado a Marrocos

As traballadoras da empresa Prevent, que realiza fundas para asentos para Citroën, estaban convocadas o 2 de decembro a unha xornada de folga na súa factoria de Mos, contra a deslocalización. Aproveitando esta data realizaron unha manifestación, que percorreu as principais rúas de Vigo e que rematou fronte ao edificio da Xunta de Galiza nesta cidade, para denunciar a deslocalización e o próximo peche da súa planta para ser trasladada a Marrocos, o que provocará a perda dun total de 215 postos de traballo.

As traballadoras da multinacional eslovena Prevent convocaron o 2 de decembro unha xornada de folga, que contou co apoio case que unánime do conxunto do persoal desta fábrica do téxtil para a automoción, para denunciar a inminente deslocalización que sobrevoa a esta planta.

Para denunciar a súa situación de incertidume, o Comité de Empresa de Prevent, no que conta con representación CIG e CCOO, decidiu manifestarse polas principais rúas da cidade de Vigo.

Manifestación polo centro de Vigo

Pasadas as dez e media da mañá, perto de 300 persoas saían da Praza dos Cabalos, nunha manifestación conformada polas traballadoras desta multinacional en folga neste día, e que contaron co apoio de delegados e delegadas da FGAMT e responsábeis da CIG.

Cortando as principais rúas do centro de Vigo, nunha mobilización cargada de ruido dos chifres, pandeiretas, as traballadoras berraban consignas como "Se Prevent cerra, guerra, guerra, guerra" ou "sen traballo nos imos para o carallo".

Xuntanza en Traballo

Esta marcha chegou até a Praza do Estrela, ao edificio da Xunta de Galiza en Vigo, onde o Comité de Empresa e representantes sindicais foron recibidos polo Delegado de Traballo, Pedro Borrajo.