Malia ser novembro un mes no que tradicionalmente aumenta o desemprego estacional, desta volta o incremento é impresionante, cun 3,78% fronte ao 1,59% de media estatal. Cae ademais nas 4 provincias, en todos os sectores e tanto en homes como en mulleres.
Por provincias, en A Coruña o desemprego aumenta nun 3,14%, en Lugo, o 5,5%, en Ourense o 4,6% e en Pontevedra, o 3,7%.
Por sectores, en Agricultura cae o 4,64%, fronte ao 2,6% na media do estado; en Industria, cae un 3,04% fronte ao 0,66% na media estatal; en Construción cae o 4,79%, fronte ao 1,38% estatal e no sector Servizos o 3,34% fronte ao 1,74% no conxunto do estado.
O aumento do desemprego en Galiza é, xa que logo, de máis do dobre da media estatal. Porén, para a CIG é especialmente preocupante a caída na Industria, un sector fundamental para a nosa economía produtiva. A perda de empregos é maior, ademais, entre os homes, un 5,09%, que entre as mulleres, un 2,7%. Diferenza que se explica porque os sectores máis castigados son precisamente Industria e Construción.
Ademais, a caída no sector da Construción é de tal magnitude que a obra pública non é quen de compensar a caída do emprego no sector privado.
Para a CIG, estes datos poñen de manifesto a necesidade de introducir cambios estruturais para camiñar cara un novo modelo económico e social máis xusto e solidario e para que os traballadores e traballadoras non paguen os custos derivados da crise económica, non xa vía impostos, senón mesmo co seu propio posto de traballo.
Por iso, reclama da Xunta de Galiza a presentación inmediata dun Plano Estratéxico que permita reverter esta alarmante situación.