Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 2/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Construción considera "inxustificabel" e "carente de soporte legal" o ERE de extinción para 43 traballadores de Indeza

Denuncian o incumprimento do convenio en materia de xornada e salario
O martes 2 de febreiro tivo lugar ás 11.30 da mañá unha rolda de prensa para abordar a situación da empresa da construción Indeza, da que é dono Angel Fernández Presas, presidente da Patronal da Construción, e nesta firma 43 traballadores poderían perder o seu posto de traballo pola presentación dun ERE de extinción mentres ao mesmo tempo se están a dar casos de subcontratación ilegal e incumprimentos de xornada e salarios en obras da propia Indeza.
Xulio Vicente, da Executiva Nacional da CIG-Construción, Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG-Construción de Pontevedra, Alberte Fernández, secretario comarcal da CIG-Construción de Vigo, e Manuela Nóvoa, da CIG-Construción de Pontevedra.

Nesta comparecencia participaron Alberte Fernández, secretario comarcal da CIG-Construción de Vigo, Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Xulio Vicente, da Executiva Nacional da CIG-Construción, e Manuela Nóvoa, da CIG-Construción de Pontevedra.

Alberte Fernández, secretario da CIG-Construción de Vigo, aportou os graves dados de desemprego que se dan neste sector, "mais non se están a dar grandes conflitos pola sangría constante de despedimentos e pola propia complexidade do sector. Nós vimos denunciar hoxe aqui a grave situación que se está a vivir en Indeza, que é especialmente significativa, por ser o seu dono o presidente da patronal da Construción".

Asi, relatou como nas eleccións sindicais que tiveron lugar no 2006, por presións patronais a candidatura da CIG, composta por 11 persoas para 9 postos que se escollían, foi finalmente tombada. Na actualidade, a CIG conta con representación real, xa que un delegado da UGT se adscrebeu á CIG, e 90 traballadores de Indeza asinaron un documento reclamando a presenza da CIG nas reunións que están a ter lugar por mor tanto do concurso de acredores como do ERE de extinción que están enriba da mesa.

Denunciaron nesta rolda de prensa que tanto a patronal como as outras dúas centrais sindicais, CCOO e UGT, non queren á CIG neste proceso negociador e que están a vetar a súa presenza.

O secretario comarcal da CIG-Construción de Vigo denunciou que ademais esta empresa "está a subcontratar man de obra barata, que se lles está a pagar por hora traballada e se lles está a pagar moito menos, xa que se por convenio se fixa un prezo de 9,50 medio por hora, se está a pagar entre 6 ou 7 euros de media". Informaron tamén de que nestas obras de Indeza, con man de obra barata, se están a realizar xornadas de 10 a 12 horas.

En vista deste ERE presentouse unha denuncia en Inspección de Traballo, xa que é "inxustificábel que queira destruir 43 postos de traballo".

Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG-Construción de Pontevedra, insistiu en denunciar a represión sindical que se viviu no proceso de eleccións sindicais, porque "a nosa opción resulta incómoda por reivindicativa", e cualificou dun "veto moi forte", o que esta a acontecer nesta empresa coa central sindical nacionalista, que representa á maioría da afiliación.

Agulla engadiu que "nin o concurso de acredores nin o ERE teñen soporte legal nin xustificación legal, pero os empresarios se aproveitan de que a lei concursal é un burato negro no que cabe todo".

Xulio Vicente, da Executiva Nacional da CIG-Construción, explicou que Indeza ten unha obra dun instituto en Torneiros, na que se está a traballar de 10 a 11 horas, os sábados "e todos os traballadores son transfronteirizos".

Denunciou que "na maioría das obras que hai no noso país teñen un mínimo de 50% de traballadores transfronteirizos a baixo custe, non se aplica o convenio nin en salarios nin en horarios, páganse como máximo 7 euros á hora, e os que queiran traballar teñen que asinar un prego onde asinan que se negan á reclamacións posteriores".

Xulio Vicente insistiu en que no Baixo Miño hai máis de 6.000 parados e nas obras que se están a realizar nesta zona só traballan empregados transfronteirizos, e incumprindo o convenio.

Reclamaron "á Fomento, aos Concellos, á Deputación, e a Xunta que cando se realicen obras públicas se teña en conta máis alá da data de finalización as condicións nas que traballa o persoal".

Por último, Vicente criticou que nas obras do Plan E, e en todos os concellos, "non foi un plan de emprego para fomentar o traballo entre a xente que estaba anotada no INEM, senón que os empresarios se aproveitaron deste plano para facer caixa", e fixo un chamamento "a que non se traballe máis de 8 horas, diante da situación tan grave de desemprego que hai".

Remataron esta rolda sinalando o grande fraude que existe á Seguridade Social por todas as horas extras non cotizadas, que valoraron en 20 millóns de euros anuais, e anunciaron que a CIG continuará no camiño da denuncia e que incrementará as mobilizacións no sector da Construción.

cig.prensa@galizacig.com