Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 2/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Multitudinaria mobilización en Vigo contra a privatización de servizos na sanidade pública

Centos de persoas amosan o seu rexeitamento ao modelo que a Xunta pretende implantar
Preto de 2.000 persoas participaron este martes 2 de febreiro na concentración-manifestación celebrada diante do Hospital Xeral de Vigo. Para a CIG-Saúde a gran participación neste mobilización demostra a sensibilización que o persoal ten en contra da privatización de servizos na sanidade publica que pretende levar a cabo a Xunta.

A pesar dos intentos do xerente do CHUVI para desmobilizar as mobilizacións, enviando correos electrónicos nos que “demostraba o marabilloso” que resulta a privatización dos servizos do hospital, o persoal “entende perfectamente o que se agacha detrás de todo este entramado privado: un atropelo á sanidade pública, aos postos de traballo e un empeoramento da calidade asistencial”.

Dende a CIG-Saúde de Vigo lembran que a privatización de servizos na sanidade pública suporá tamén suprimir as listaxes de contratación ás OPEs, así como o despedimento de interinos e persoal eventual.

O modelo do novo hospital

Diante do anuncio do plan de viabilidade económico financeira do novo hospital de Vigo anunciado pola Xunta, a CIG-Saúde manifestou o seu máis rotundo desacordo co modelo empregado para o financiamento da construción, que condicionará a xestión do mesmo, xa que a xestión dos servizos non sanitarios pasará as mans dos intereses da empresa privada.

Para a CIG-Saúde de Vigo, isto supón un duro golpe contra a sanidade pública e contra a calidade e sostenibilidade dos servizos prestados, así como unha agresión frontal contra o emprego público de calidade e contra o sistema de contratación temporal e as ofertas públicas de emprego para as categorías de persoal non sanitario.

Os 2.400 postos de traballo que se anuncian serán para a construción, durante o período de tempo que dure a obra, pero en ningún caso suporán un incremento de persoal para a sanidade pública que, como xa se ten demostrado coas experiencias previas deste modelo de financiamento, verá seriamente comprometida a calidade e cantidade do seu emprego.

A privatización dos servizos non sanitarios do novo hospital de Vigo quedou confirmado na xuntanza mantida o venres 22 de xaneiro coa xerencia do CHUVI, convocada para informar sobre a adxudicación do futuro centro hospitalario.  Así, os servizos de lavandería, lencería, cociña, subministración e xestión enerxética, xardinería, mantemento, seguridade e vixilancia, centraliña, transporte interno e externo, a central de abastecemento e tratamento de auga e os servizos de reprografía quedarán en mans da xestión de empresas privadas. As concesións serán entre 20 e 30 anos. 

Próximas mobilizacións

A Comisión de Centro do CHUVI ten convocadas tamén as seguintes mobilizacións para os vindeiros días:

-Xoves 4 de febreiro as 11:00h. concentración no Hospital do Meixoeiro.

-Mércores 10 de febreiro concentración diante do Concello de Vigo.

-Mércores 24 de febreiro, paro  e manifestación ás 19:00h. da tarde dende o Hospital Xeral.

Galería Gráfica

cig.prensa@galizacig.com