O Secretario federal de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, o Secretario comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, Alexandre Romero e o delegado sindical da central en Ambulancias do Eume, Modesto Casal, denunciaron en rolda de prensa a manipulación no vehículo sufrida por este último, que a punto estivo de lle provocar un accidente.
Os feitos remóntanse ao pasado 19 de febreiro, cando Pastoriza e Casal viaxaban no vehículo particular do delegado sindical. Nun determinado momento, o coche comezou a tremer complicándose o seu manexo e control e obrigando ao condutor a parar para evitar un accidente. Cando foron comprobar que ocorría, descubriron que as torcas da roda dianteira dereita estaban soltas, no que claramente se perfilaba como unha manipulación.
Consultaron entón con tres mecánicos de tres talleres diferentes que confirmaron as primeiras sospeitas: as torcas foran afrouxadas dun xeito intencionado. “Estes feitos traspasan a cuestión laboral e os conflitos na empresa”, denunciou Pastoriza, “había unha clara intención criminal na manipulación das rodas e quen o fixo pretendía provocarlle un accidente ao delegado sindical da CIG”. Neste senso, dende a FGAMT informaron que os feitos xa foron postos en coñecemento da Garda Civil, quen está realizando investigacións ao respecto.
De igual xeito, dende a CIG estanse estudando todas as medidas a levar a cabo, pois unha acción deste calibre non pode quedar impune.
Persecución aos afiliados da CIG
Aínda que a central non ten probas sobre quen puido levar a cabo esta acción, dende setembro do pasado ano, momento no que se iniciou a conflitividade laboral en Ambulancias do Eume, Casal veu sufrindo constantes pinchazos das rodas, que en outras tantas ocasións lle apareceron desinchadas.
A conflitividade na empresa comezou logo de que o delegado sindical e dous traballadores afiliados á CIG reclamaran ao propietario de Ambulancias do Eume as contías que adebedaba do ano anterior a respecto das dietas, horas extraordinarias, horas de presenza, etc. Comezou entón unha situación de persecución e acoso contra estes tres operarios tan forte que neste momento se atopan de baixa psiquiátrica. Baixa que xa foi revisada, a instancias do empresario, pola Inspección Médica, quen confirmou que os tres operarios se atopan en condicións psicolóxicas moi malas e cuxa recuperación requirirá un prolongado período de tempo.
Cabe sinalar que a empresa foi multada por parte da Inspección de Traballo por mor da ilegalidade dos horarios, xa que os traballadores realizar unha xornada excesiva, que ademais, non está retribuída. Así mesmo, lembrar que o mes pasado a CIG denunciou publicamente a situación de persecución que padecen os traballadores afiliados a esta central sindical.