Óscar Calvo, responsábel de Banca da CIG de A Coruña, valoraba a participación nas mobilizacións dun xeito moi positivo. “A gran maioría do persoal está secundando os paros, o que demostra que a xente ten ánimos para enfrontar na rúa as intencións da empresa de despedir a máis da metade dos traballadores/as”, sinalaba.
Os paros desenvolvéronse entre ás dez e ás doce do mediodía e entre ás cinco e as sete da tarde, afectando ás dúas quendas de traballo. Ademais realizouse unha marcha até as oficinas principais de Vodafone na cidade, onde o persoal permaneceu concentrado durante unha hora, para denunciar a deslocalización dos servizos da empresa de telefonía a países de América Latina. Nas mobilizacións desta mañá, que terán continuidade todos os martes de marzo, participaron tamén os deputados do BNG Henrique Vieitez e Carlos Aymerich.
Fins dos contratos por obra e expediente de regulación
O pasado luns 22 de febreiro, a empresa Sykes presentou un expediente de regulación de emprego que afecta a 241 traballadores en A Coruña e a 37 en Lugo, con contratos indefinidos. Sykes tamén pretende despedir a todos os contratados por obra no servizo 1004 de Telefónica, aplicando o artigo 17 do convenio. Isto incrementaría a cantidade de despedimentos até os 350 na Coruña e a 120 en Lugo.
Calvo apuntou que o xoves pasado quedou constituída a comisión negociadora do ERE, que se reunirá o vindeiro xoves. Neste senso, o responsábel da CIG-Banca subliñou que a multinacional ten amosado moita présa por negociar os despedimentos incluídos no ERE. De feito, aclarou, “a empresa ten tanta présa por negociar que até esqueceu presentar o plano de viabilidade na documentación do expediente de regulación, que é un requisito esixido pola lei. Dende a CIG xa lle solicitamos que nos remita dito plano”.
Intervención da Xunta
Dende a CIG demandouse á Xunta que asuma a súa responsabilidade e interveña de xeito inmediato para frear as intencións de Sykes. “A Xunta ten que escoitar este clamor. Estes despedimentos, que afectarán a case 500 persoas, supoñen un pau tremendo para a economía de A Coruña e Lugo. A Xunta ten que paralizalos, porque non hai causas económicas que os avalen, novamente volvemos estar diante dunha pura e dura deslocalización na procura do máximo beneficio empresarial”, criticou Óscar Calvo.
A CIG quere denunciar que estes despedimentos son froito dunha decisión empresarial, coa complicidade do goberno central e que nin este, nin a Xunta de Galiza teñen adoptado medida algunha ante a transferencia de datos de clientes de Vodafone e Telefónica, dúas das empresas que teñen contratas campañas en Sykes e que agora van levar os seus servizos a terceiros países. De feito, a primeiros de febreiro a Axencia española de Protección de Datos autorizou a Vodafone a transferir os datos dos seus clientes a países de Latinoamérica.