Carlos Portas, responsábel da sanidade privada da CIG, comezaba a súa intervención informando de que "a Cruz Vermella quere pechar este hospital, e non se pode permitir polo que demandamos unha reunión a catro bandas, na que estean presentes a Cruz Vermella, o Sergas, o Concello e a representación das traballadoras/es".
Peche empresarial
Denuncian que "queren facer o peche e aproveitar o ERE para que saia máis barato, cando estamos diante dun peche empresarial, cando a empresa no seu conxunto tivo uns beneficios excedentes de 36,7 millóns de euros".
Portas presentou un informe ecónomico presentado contrario ao ERE presentado pola Cruz Vermella que revela que non teñen ningún tipo de problema patriominal nin financeiro, polo que esta "ONG" con criterios privativos e arbitrarios desvía fondos deste hospital tanto ao fondo de solidariedade como ao fondo de coesión desta entidade, sen aportar nada para a mellora do hospital de Vigo.
"Non financian o hospital de Vigo"
Ademais a Cruz Vermella financiase a través da venda da lotaria, co dia da bandeiriña. e das cotas dos socios. O persoal do hospital de Vigo denuncia que "os cartos da poboación viguesa non reverten no hospital desta cidade, van para Madrid e desde alí os distribúen".
Tamén engadiron que co 0.09% dos ingresos da explotación desta entidade sería suficiente para as obras de reforma do hospital e para afrontar os gastos do persoal. Criticaron que cos datos que ofrece a Cruz Vermella globais se poda verificar que existen 60 directivos que no ano 2008 gastaron 11 millóns de euros en "gastos por desprazamento ou viaxe".
Aínda que o ERE lles obrigaría a detallar o que cobra cada dirixente, só aportan datos globais, que serían de 3 millóns de euros no 2008.
"Se a directora deste hospital chega a cobrar 100.000 euros ao ano, imaxinamos o que poden cobrar os altos cargos desta entidade benéfica", insistiu Portas.
Tamén fixeron fincapé no necesario deste hospital polas súas características, xa que son pacientes de longa duración, pacientes crónicos con poucos recursos, e non se pode deixar sen atención a estes pacientes, que diante das escasas 120 camas de medicina interna que ten o Chuvi poderían colapsar o sistema público de Vigo.
"De ONG teñen pouco"
O responsábel da CIG da Sanidade Privada destacou que "de ONG teñen pouco, xa que estamos a ver que é unha empresa pura e dura" e critica que "eles viñeron de Madrid cunha decisión tomada de pechar o hospital e pouco lles importa o demais, nin os pacientes, nin o persoal, nin nada, só queren desfacerse da atención sanitaria e como moito continuar cun centro de dia con dúas persoas do persoal sanitario, deixar o edificio que teñen na rúa Ecuador e especular coa venda deste edificio, e trasladar as oficinas onde está o hospital. Iso é o que nos tememmos" .
Radicalizar as mobilizacións
Anunciaron que a partir do 3 de marzo radicalizarán as mobilizacións para que teña lugar esta reunión a catro bandas que demandan e para que o ditame da Consellaria de Traballo sexa contrario ao ERE que pretende impor a Cruz Vermella.
Informaron, por último de que a día de hoxe só queda a metade dos pacientes que foron trasladando a casas tuteladas e residencias fora da comarca de Vigo. Ademais deron a coñecer as ofertas que realizou a Cruz Vermella o 1 de marzo na reunión que mantiveron en Madrid, e na que a Cruz Vermella ofreceu 28 dias por ano traballado, cun tope de 18 meses. Diante desta oferta, e pola antigüidade, de máis de 18 anos da maioría do persoal, a representación das traballadoras/es apostou por 80 días por ano traballo e sen limite de meses, o que a Cruz Vermella cualificou de "inasumíbel". Cren que na próxima reunión posibelmente desde a ONG rompan estas negociacións.