Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 2/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Rachan as negociacións polo convenio de instalacións deportivas diante da negativa da patronal a asumir a reclamación salarial

As organizacións sindicais pedían pasar a táboa salarial proposta para o ano 2013 a 2012 e pechar as garantías ad personam
Os intentos de retomar as negociacións entre os sindicatos e a patronal de instalacións deportivas de cara a conseguir un convenio racharon na mañá deste martes, logo da negativa de Axidega (a asociación que agrupa ás empresas do sector) a asumir as reivindicacións salariais dos traballadores e traballadoras e pechar as garantías ad personam. A folga iniciada o pasado 1 de febreiro continúa así adiante e mañá mércores haberá asembleas do persoal para analizar a situación do conflito e avaliar as medidas a adoptar nos vindeiros días. Así mesmo, tamén está previsto que se proceda a entregar aos traballadores/as os cartos recadados coa venda dos bonos axuda.

Tras as boas expectativas creadas na última xuntanza entre patronal e sindicatos no Consello Galego de Relacións Laborais, a reunión convocada pola administración este martes resultou un auténtico fracaso. Logo das reiteradas negativas do empresariado a asumir as melloras salariais dos traballadores/as (basicamente chegar a ser mileuristas no horizonte de 2012) e a pechar as garantías ad personam, as organizacións sindicais daban por rotas as negociacións.

O que nun primeiro momento semellaba un desbloqueo lento pero firme do conflito de cara a retomar a vía da negociación, especialmente despois de que a patronal lanzase un primeiro compromiso para garantir as condicións ad personam, rematou drasticamente esta mañá, enquistando deste xeito o conflito e prolongando a convocatoria de folga, que hoxe cumpre os 30 días.

“Os sindicatos pedíamos o que nos propuxera a asemblea, garantías ad personam e pasar a táboa salarial de 2013 a 2012, incluso flexibilizando este punto no senso de non pórlle data 1 de xaneiro, senón permitir a concreción ao longo do ano na comisión negociadora. Pero non foi posíbel e as negociacións quedaron rotas”, explicou o Secretario de Organización da CIG-Servizos, Xosé Lois Martín.

Así mesmo, adiantou que mañá mércores está convocada unha asemblea de traballadores/as para “falar en frío” das consecuencias da ruptura das negociacións e avaliar as medidas a adoptar nos vindeiros días.

Reparto dos cartos recadados cos bonos axuda

A mala nova truncou as intencións das centrais sindicais de levar a cabo esta tarde o reparto dos cartos recadados a través da venda dos bonos axuda, que finalmente se realizará na xornada de mañá. Até o momento téñense xuntando máis de 10.000 euros a través dos que se pretende aliviar a situación económica do persoal que secundou a folga, que non vai cobrar nada da nómina de febreiro. Aínda que os cartos non chegarán a cubrir a totalidade dos salarios, servirán para dar un respiro aos traballadores/as abocados agora a unha folga cuxo fin semella moi afastado.

cig.prensa@galizacig.com