Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/3/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG rexistra na consellaría de Traballo a convocatoria de Folga Xeral para o 29 de marzo

Tamén rexistraron a convocatoria a CUT, a CGT e a CNT e os catro sindicatos chamaron a CCOO e UGT a sumarse, para dar unha resposta conxunta e frear a reforma laboral
A CIG facía entrega formal, esta mañá, no rexistro da Consellaría de Traballo, da convocatoria de folga xeral, xunto coa CUT, a CGT e a CNT. Segundo explicou Suso Seixo “pretendemos así dar a imaxe de que aquí si existe unidade sindical. Outra cousa é que CCOO e UGT  sigan na ambigüidade”. O secretario xeral da CIG fixo un chamamento a estas centrais sindicais para que se sumen, mantendo aberta a posibilidade de mudar a data, se iso vai favorecer unha máis ampla resposta á reforma laboral, que supón, dixo, “o maior ataque que se fixo á clase traballadora desde a transición”.

Seixo denunciou que o que se pretende coa reforma é non só precarizar o mercado laboral e pór man de obra barata a disposición das empresas, senón tamén deixar á clase traballadora nunha situación de total indefensión. Por iso, concluíu que “cantos máis sindicatos se sumen a esa convocatoria e canto maior sexa a resposta, moito máis doado será obrigar ao goberno a que retire a reforma laboral que é o noso obxectivo”.

Para o secretario xeral da CIG non se pode pretender “dulicificala”, porque do que se trata é de que o goberno “comece a facer políticas económicas en serio, a favor dos intereses da maioría social. Políticas que realmente contribúan a reactivar a economía porque iso é o que vai xerar emprego”. Cuestionou ademais que a reforma laboral vaia xerar emprego e afirmou que “hai datos abondo como para poder demostrar que iso non é así”.

Respecto da posibilidade de mudar a data se CCOO e UGT deciden finalmente convocala, asegurou que as catro organizacións sindicais coinciden en que estarían dispostas a facelo, para que a convocatoria fose conxunta, sempre e cando se trate de adiantala ou atrasala uns días. “O que non imos é a atrasar a folga para o mes de maio ou xuño, cando xa estea aprobado todo no Parlamento, tanto a reforma como os orzamentos”.

Nese sentido, explicou que a data de finais de marzo, en concreto o 29, decidiuse tendo en conta a dinámica do debate parlamentar. Por iso, afirmou “se atrasa moito no tempo, perdería a forza que ten nestes momentos”. Nese caso, informou, a CIG mantería a convocatoria do día 29 deste mes.

Seixo recoñeceu contactos con CCOO e UGT “desde o principio” e que a información extraoficial que ten a central sindical é que “teñen tomada a decisión de convocala para o día 29 de marzo. Parece que están agardando a reunir os seus organismos para tomar a decisión definitiva”.

Ricardo Castro, secretario xeral da CUT, pediu xenerosidade ás organizacións sindicais e afirmou que “agora é o momento de acumular forzas, de cara a crear un movemento de carácter social que impida que se impoñan estas reformas. É o momento da dignidade, de estar do lado da clase traballadora ou estar noutro lado”.

Pola súa banda, desde a CNT, Rita Giráldez denunciou que q reforma laboral cambia os piares do sistema de relacións laborais, rompe coa negociación colectiva e modifica substancialmente as condicións laborais, en función dos intereses do empresario.

Documentos
Convocatoria Folga Xeral.pdf
cig.prensa@galizacig.com