Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/5/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As empresas que regularicen voluntariamente aos seus traballadores/as irregulares non serán sancionadas

Poderán facerlles o contrato a medida que queiran: eventual, a tempo parcial, formativo... cando poden levar traballando meses ou anos
O pasado venres, día 29 de abril, o Consello de Ministros aprobaba un Decreto Lei de Medidas para o afloramento e control do emprego somerxido. O plan do goberno concíbese como algo extraordinario e limitado no tempo, que abrangue un conxunto de medidas co obxectivo de que aflore o traballo non declarado, que vén sendo unha parte importante do que se coñece como economía somerxida. Non se entende ben a urxencia deste Plan en termos reais, si ben parece que o goberno quere ser o primeiro en  cumprir as recomendacións  da UE sobre este aspecto e poder presentarse no próximo Consello Europeo de Primavera cos deberes feitos para tranquilizar así ao “Sr Mercado”, que é quen vixía con lupa e dirixe o pulso político no estado español.

A principal medida extraordinaria e urxente consiste en establecer un prazo deica o 31 de xullo de 2011 para que as empresas, voluntariamente,  poidan regularizar a situación das persoas que traballan para elas actualmente de forma irregular e non declarada. As que así o fagan dentro deste prazo non terán sancións administrativas nin de seguridade social pola declaración e recoñecemento desa situación de ilegalidade e mesmo se lles concederá aprazamento no pago por parte da tesourería do INSS.  E ademais, a empresa poderá facerlles un contrato a medida, eventual, a tempo parcial, etc. sen que teña que ser obrigatoriamente un contrato fixo, que é a consecuencia que establece o Estatuto dos Traballadores para os contratos en fraude de lei.

A continuación establécense unha serie de medidas destinadas a combater o traballo non declarado, que serán de aplicación só cando remate o prazo de regularización.

Esencialmente estas medidas consisten en:

1º.- Esixir as empresas que cando contraten ou subcontraten actividades con outras empresas comproben que o seu persoal está dado de alta na Seguranza Social.

2º.- Incrementar notablemente a contía das sancións administrativas respecto do traballo non declarado. A sanción mínima por falta de alta na Seguridade Social pasa de 626 a 3.126 e a máxima de 6.250 a 10.000 euros. De igual modo, establécese unha sanción de entre 10.001 e 187.515 euros para as empresas que empreguen a persoas que estean cobrando unha prestación de desemprego ou de seguridade social.

3º.- Ampliar os supostos de responsabilidade solidaria da empresa principal respecto das sancións impostas ás empresas subcontratistas en relación co traballo non declarado

4º.- Establecer o criterio de que as empresas afectadas por incumprimentos graves das súas obrigas respecto do traballo non poidan acceder a subvencións e programas de fomento do emprego e tampouco a contratacións coas administracións públicas.

Por último, as medidas para o fomento da rehabilitación da vivenda, que xa foran aprobadas no pasado Consello de Ministros do 20 de abril, incorpóranse agora a este decreto-lei sen que sen ningunha sistemática nin conexión con esta norma. Estas medidas van destinadas a simplificar e axilizar as subvencións, en forma de deducións, para estimular a actividade e o emprego do sector da construción.

Pois ben, esta norma responde á filosofía de “pau e cenoria” tantas veces utilizada sen éxito algún. Respecto da cenoria, ou sexa da medida de regularización e amnistía temos que dicir que:

En primeiro lugar, cuestionamos a eficacia deste plan e preguntámonos por qué un empresario que ten empregados non declarados,  e que ata agora non foi sancionado, vai regularizar esa situación e pasar a recoñecerlles a esas persoas os seus dereitos laborais e de seguridade social. Desde tempos inmemoriais a Facenda Pública vén falando de que a economía somerxida no estado español é altísima e representa entre un 20% do PIB. É doado de entender que en época de crise aumente e non cremos que a “amnistía” proposta polo goberno teña eficacia algunha polo simple feito de que no mes de agosto vanse endurecer as sancións, sobre todo cando non se fala para nada neste plan de aumentar os efectivos humanos e materiais da inspección de Traballo e Seguridade Social, nin da súa coordinación con outros corpos inspectores, como os da facenda pública.

En segundo lugar, as medida de regularización diríxense ás empresas, polo que quedarán fora do Plan as persoas que traballan como empregadas de fogar, onde o traballo non declarado é habitual.

Tampouco se aclara nin se prevé nada ao respecto da poboación inmigrante en situación irregular, ben porque carece de papeis ou ben porque está traballando en lugares ou sectores distintos aos que consta no seu permiso de traballo. Que efectos vai ter a súa regularización laboral, no suposto de que se dera algún caso? Só se fala de efectos para as empresas pero non para as persoas e iso é moi importante porque se a regularización laboral tivera tamén efectos de regularización respecto da lei de estranxeiría, entón estaríamos ante unha medida con outra transcendencia e eficacia.

En terceiro lugar, os sindicalistas non podemos estar de acordo con que as situacións ilegais das persoas empregadas se salden con contratación sen fixeza, e sexa a decisión unilateral do empresario a que decida a modalidade de contratación. A norma só establece o requisito de que a duración da contratación terá que ser de seis meses como mínimo, pero pode ser incluso baixo a modalidade de contrato formativo, cando resulta que esa persoa levaba traballando xa moitos meses ou anos.

Por outra parte, as altas que se poidan dar dentro do prazo establecido, segundo o decreto lei aprobado polo goberno o pasado 29 de abril, só poden retrotraerse seis meses. Iso significa que as situacións de explotación e carencia de dereitos das persoas empregadas irregularmente só van ser recoñecidas ata esa data, aínda que levaran así moitos máis meses e mesmo anos.

En resumo:

O Plan de regularización do traballo non declarado é unha nova decisión de marketing político do Goberno de Zapatero, que non está baseado en estudos rigorosos nin presenta ningunha avaliación de medidas anteriores como o vixente “Plan Integral de Prevención e corrección da fraude fiscal, laboral e da Seguridade Social” de 2010. A urxencia so a entende o Goberno, acostumado como está a gobernar en base a decretos leis que coartan o debate social e político.

O Plan de regularización diríxese só ao traballo non declarado e non a outro tipo de economía somerxida como a realización de xornadas completas baixo a modalidade de tempo parcial, a realización de horas extras non declaradas nin cotizadas, a percepción de salarios por debaixo do establecido en convenio, etc, etc. En todos os casos, a loita eficaz contra todo tipo de abusos que sofren as persoas traballadoras require máis eficacia e traballo por parte de Inspección laboral, o que comporta un notable incremento de efectivos dedicados a este tema.

O Plan de regularización non contempla ningunha medida específica para a poboación inmigrante non comunitaria, que sen dúbida é a máis afectada polo emprego somerxido. A norma debería concretar os seus efectos e compatibilidade coa lei de estranxeiría.

O Plan de regularización, ao igual que as últimas medidas tomadas polo Executivo español respecto da reforma laboral e das pensións, non contempla para nada a situación real das mulleres, deixando fóra e abandonadas á súa sorte as empregadas de fogar.

Luis Burgos

Gabinete Técnico Confederal

cig.prensa@galizacig.com