Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/6/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG recorrerá á vía legal contra Santullano por insultar aos traballadores de Urbaser e acusalos de “semi-terroristas”

Responsabiliza a Bugallo de converter os procesos de negociación nas concesionarias de Compostela en conflitos
Representantes da CIG compareceron en rolda de prensa para avaliar o papel do alcalde do concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, no conflito de Urbaser. Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela, acusouno de provocar que os conflitos se alonguen no tempo máis que en ningún outro lugar do país derivando, nos máis dos casos, en longas folgas nas que se coloca de parte da patronal.  Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, asegurou ademais, que dados os insultos e acusacións de “semiterroristas” feitas contra os traballadores pola concelleira de Servizos, Marta Álvarez Santullano, estase estudando emprender accións legais.

“Cada vez que nos diriximos ao sr. Bugallo por algún problema nunha empresa do concello a resposta é o silencio. Os problemas alónganse no tempo máis que en ningún outro lugar do país, porque Bugallo deixa que os conflitos medren”. Noceda lembrou que a folga de CESPA, empresa concesionaria de parques e xardíns, durou 33 días. A folga de ISS Facility Services, empresa concesionaria do servizo de limpeza, prorrogouse durante 57 días e a recente folga de URBASER, 13 días.

Esta actitude cos traballadores ou cos seus responsábeis contrasta coa que adopta cos empresarios cos que Noceda asegurou que “non ten problemas para reunirse”. De feito, o secretario comarcal da CIG afirma que Bugallo “toma parte pola empresa” e culpouno de eludir a súa responsabilidade, porque o concello de Santiago, ao igual que calquera empresa  que subcontrata un servizo, debería mediar entre as partes porque “ten responsabilidades legais” derivadas da lexislación laboral. Noceda acusouno, tanto a el como a concelleira de Servizos, Marta Álvarez Santullano, de menospreciar, insultar e criminalizar aos traballadores, “sen probas e con mentiras”.

Neste sentido, Paulo Rubido, secretario nacional da Federación de Servizos lembrou que durante todo o conflito o alcalde intentou intoxicar á opinión pública asegurando que os traballadores tiñan unicamente demandas económicas, cando estas se centraban na organización do tempo de traballo, calendarios ou estabilidade...

Rubido denunciou tamén que durante as dúas semanas de folga, desde o concello vertéronse “acusacións falsas contra os traballadores” e fixo referencia á farsa mediática montada arredor dun traballador que portaba unha lata de gasolina para  a súa desbrozadora, do que mesmo se chegou a dicir que fora detido. “Algo absolutamente falso”, explicou, pero de especial gravidade, porque rematou co seu despedimento, por parte da empresa, á que se lle proporcionou a acta da policía municipal.

O secretario nacional de CIG-servizos lembrou ademais que desde o PSOE se dedicaran a insultar aos traballadores, chamándolles vagos, maleantes ou semi-terroristas. “Son condutas que non se poden permitir por parte dun responsábel municipal” dixo e anunciou que a CIG emprenderá accións legais contra a concelleira de Servizos por estas acusacións.

Eleccións municipais

O alcalde de Santiago presentouse en todo momento, ante os medios de comunicación como defensor dos intereses dos veciños de Compostela. Porén, Rubido cuestionou as súas intencións de fondo, porque cando houbo de marcar os servizos mínimos, destinou dous camións á zona vella e un á zona nova, esquecendo o resto da cidade. “Preocupouse só de dar boa imaxe para os turistas” sinalou.

Bugallo responsabilizou publicamente aos traballadores de non manter reunións co concello, cando “é práctica habitual que rexeite as xuntanzas que se lle piden”, explicou o secretario nacional de CIG-Servizos, para quen o alcalde “utilizou o conflito para preparar as eleccións municipais”.

Lembrou ademais que os traballadores de Urbaser levaban máis de ano e medio sen convenio, algo que sabía o alcalde e afirmou que, de ter mediado, a folga nunca se tería producido. “Eran reclamacións que tiñan que terse solucionado na mesa de negociación, pero houbo que convocar unha folga de case dúas semanas para chegar ao mesmo punto”.

Xunto a iso, cualificou de escandaloso que desde o concello se  contratara a TRAGSA para facer a recollida de lixo, nun intento de rebentar a folga e alentou aos veciños e veciñas de Compostela a extraer leccións deste conflito, para que cando voten o fagan en función disto. “Non se pode comezar un conflito sen esgotar todas as vías de diálogo. Cando levaba Néstor Rego esta área” dixo, “nunca houbo un conflito”.

cig.prensa@galizacig.com