Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 2/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, intervindo na asemblea final na Praza de América.

A CIG aposta por recompoñer a unidade sindical na folga do Metal e por mobilizarse en Marín e Pontevedra

Novas marchas na vixésimo segunda xornada de folga polo centro de Vigo
Se o escenario dunha folga despois de vintedúas xornadas de folga sempre é complexo, na mañá do 2 de xullo aínda o era un pouco máis, xa que amencía coa decisión, que aparecia nos medios de comunicación, de UGT de desconvocar a folga do Metal. A folga continuou e novas marchas percorreron a cidade de Vigo, que confluiron nunha asemblea na Praza do Concello, onde se decidiu continuar coas mobilizacións e levar na xornada 23 de folga esta folga até Marín e Pontevedra. A CIG apostou por recompoñer a unidade sindical e por continuar a dar a batalla por acadar un convenio digno.

De novo os traballadores e traballadoras do convenio provincial do Metal continuaron mobilizándose, diante de ameazas patronais e mesmo co descolgue dunha das centrais sindicais convocantes, na vixésimo segunda xornada de folga.

Mobilizacións polo centro

Desde Barreras, Vulcano ou a Avenida de Madrid sairon distintas marchas que cortaron o tránsito polo centro da cidade, e que se reuniron todas ás once da mañá na Praza dos Cabalos. Desde aqui sairon en manifestación até a Praza do Concello onde tivo lugar unha asemblea ás doce e media, de reflexión e analise da actual situación na que se encontra o conflito.

Asemblea na Praza do Concello

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, comezou a súa intervención dicindo que "levamos moitisimos dias de folga, moitisimos dias resistindo, pero podemos ver que aínda con todas as contradicións e con todos os problemas, as presións de cada unha das empresas e as ameazas, cada vez máis concretas, pero a pesar de todo iso hoxe continuamos a ser aquí milleiros. Calquera solución que vaia pasar deste convenio vai pasar polos milleiros que estamos aquí".

Continuar co conflito

"No dia de onte tivemos unha reunión os sindicatos onde expuxemos as seguintes saídas ao conflito, é dicir, de que maneira podiamos soportar o conflito e manter a tensión, para transmitirlle aos empresarios que mentres non haxa solución ao convenio aquí non hai paz. Cada unha das centrais sindicais antes de tomar un pronunciamento levouno as súas asembleas. As propostas eran continuar o conflito ou ben ir transitando de maneira que se fixese unha parada e ir facendo por dias escalonadamente e logo retomar de novo a intensidade do conflito reorganizando todo. Esas eran as dúas alternativas que tiñamos en estudo, que queriamos transmitir aquí, porque esta mobilización que temos ten estas virtudes, que cada cousa que pensamos as decidimos entre todos, e esta é a grandeza que eles queren combater; un determinado modelo", engadiu.

Pola unidade sindical

Alcántara informou de que "na nosa asemblea decidiuse continuar co conflito e transmitimosllo as outras dúas centrais sindicais. Tentamos conciliar esa postura, mais sabedes que UGT xa anunciou a desconvocatoria pola súa parte. Dixémoslles que acudirán a esta asemblea, que explicaran, mais parece que xa teñen unha decisión tomada. Agardamos que como estiveron até agora, que veñan e que se volvan enganchar á mobilización, que volvan estar onde teñen que estar. Imos ter unha reunión con eles e tentaremos que reconsideren a posición que tomaron porque hai cousas que na vida e na memoria da xente non se esquecen nunca, e agardemos que esa decición que tomaron, que para nós é unha equivocación, teña marcha atrás. Queremos que o reconsideren".

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG incidiu en que "nas presións que están facendo nas empresas á xente para despedila, lembrarvos que non se pode despedir á xente en folga: é despido nulo, é dicir, que automaticamente o traballador ten que volver á empresa".

Continuou explicando o contido da asemblea realizada a primeira hora en Barreras: "Hoxe en Barreras tomamos unha decisión: que as empresas de carpintaria que levaban todos estes dias con nós, que participaran e asistiros nas mobilizacións, que traballaran porque eles non están cubertos pola folga como nós e tiñan unha ameaza de 150 despedimentos. Pero non valen as trampas e non pode ser que empresas que lle están a pagar á súa xente seis euros á hora, e traballe aí, limpando no Alcampo e noutros lugares, entre en Barreras e porque estea no convenio da limpeza ou da Construción, que lle saque o traballo a outras empresas que están en folga, e iso non pode ser. Estamos falando dunha empresa concreta, de Teclimal, en Barreras, que non vai poder traballar, porque está a competir de xeito desleal, no prezo, porque se estivera no convenio do Metal os traballadores gañarian máis e non estarían nesa situación de facer dumping".

Reorganizar a folga

Asi, Alcántara subliñou que "dalgún xeito se acordamos a continuidade da folga temos que reorganizala, e imos facernos visibeis en determinados lugares. Igual non precisamos tantas marchas senón que nos teremos que repartir en máis grupos e estar en máis sitios á vez. Hai cousas que debemos garantir e ímonos organizar para iso".

Viaxe até Marín

Alcántara presentou unha nova proposta de acción para a vixésimo terceira xornada de folga e dixo que "o que vos propoñemos para mañá, aparte do que podamos facer a primeira hora, é que ás dez da mañá aquí subamos aos autobuses a Marín, e vaiamos dar un paseo por Marín e por Pontevedra. Imos percorrer as rúas de Marín e Pontevedra e compartir ese dia con nós".

Mobilización até a Praza de América

Despois desta asemblea continuaron as marchas polo centro da cidade, e os folguistas trasladaronse até a Praza de América, por Camelias, onde se cortou o tráfico até as dúas da tarde. Nesta praza tivo lugar a última asemblea da xornada.

Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, insistiu en que "mañá hai que estar á mesma hora de sempre, nos piquetes onde sempre, pero ás dez hai que estar na rúa Venezuela para coller os autobuses no mesmo sitio onde collemos os autobuses para ir a Compostela. Vai ser unha viaxe curta, primeiro até Marín e logo faremos unha manifestación polas rúas da capital da provincia, para que se nos mire".

Continuar co traballo para sacar este convenio adiante

"Independentemente do que vaiamos falar hoxe as tres centrais sindicais para recompoñer a unidade de acción sindical mentres non haxa outra consigna, é fundamental que para a semana que vén, comezando o luns, a xente vaia a primeira hora da tarde aos sindicatos para reorganizar os piquetes", indicou.

Por parte da CIG, Malvido concluiu sinalando que "imos facer todo o posíbel para que a unidade de acción se recompoña, para seguir estando firmes neste conflito e para que entre todos sexamos capaces de sacar este convenio adiante".

Máis imaxes

Como sempre, podedes encontrar máis imaxes desta nova xornada de folga na sección multimedia da nosa web, ou nesta ligazón.

cig.prensa@galizacig.com