marco
Compostela, 2/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Comisión de Centro do CHUS denuncia o peche de 16 camas na planta de “Preescolares”

Aseguran que se fixo sen ningún tipo de planificación e que hai outras 192 que tamén se pechan
A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) vén de denunciar un novo peche de camas que se produce sen ningún tipo de planificación. Desta volta afecta á planta de “Preescolares” e supón o peche de 16 camas que hai que engadir ás 192 que xa pechan durante o verán.

A Comisión de Centro manifesta a súa sorpresa por esta decisión, xa que inicialmente non entraban no número total de camas pechadas e denuncian que “parece máis ben unha decisión tomada a última hora e sen ningún tipo de planificación”.

De feito, aseguran que, como ven sendo habitual por parte da xerencia “non foi comunicada por ningunha canle oficial aos órganos representativos dos traballadores, ninguneándonos unha vez máis”.

A Comisión de Centro afirma que descoñecen tamén, por falta de explicacións, o que vai acontecer cos distintos profesionais que traballan nesta unidade, aínda que imaxinan que servirán “para cubrir os parches existentes noutras unidades do complexo, deteriorando así a calidade asistencial a prestar”.

A isto engaden que, esta decisión terá como consecuencia “unha diminución das contratacións de persoal e un aumento nas listaxes de espera, que como é ben sabido, aumentan día a día”.