marco
Compostela, 2/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Arredor de 1.200 delegados/as da CIG conclúen que a reforma laboral e as outras previstas só se poden frear coa mobilización

Fixose un percorrido polas sucesivas reformas laborais e as súas consecuencias e acordouse reproducir os debates en todos e cada un dos centros de traballo
Delegados e delegadas da CIG analizaron, na asemblea nacional convocada pola central sindical este xoves en Compostela, as consecuencias desta reforma laboral, o retroceso nos dereitos da clase traballadora que se foron introducindo coas sucesivas reformas, desde 1980, e as medidas a adoptar para frear os ataques do neoliberalismo. A asemblea acordou reproducir estes debates en todas as empresas e centros de traballo, que a folga xeral e a mobilización é a única ferramenta que ten a clase traballadora para presionar e obrigar ao goberno á retirada desta e das outras reformas previstas –das pensións, da negociación colectiva...- e que a CIG, como proxecto sindical diferenciado, debe convocar as mobilizacións, o 29 de setembro, por separado de CCOO e UGT.

Na súa intervención, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, incidiu nas graves consecuencias que terá a reforma laboral e a importancia da convocatoria da folga xeral. Porén, explicou que a CIG xa propuxo a CCOO e UGT a súa convocatoria, cando se anunciaron as medidas que logo o goberno impuxo para reducir o gasto público, como a redución dos salarios dos  traballadores e traballadoras da área pública, a conxelación das pensións para o ano 2011, a redución do gasto social e produtivo. Proposta que, dixo, estas organizacións sindicais rexeitaron limitando a convocatoria á área pública, malia transcender este ámbito.

Neste sentido, salientou que a pesar de CCOO e UGT non ter mobilizado ás súas bases, a CIG si fixo unha campaña para chamar a participar na folga no sector público, informando nos centros de traballo e convocando asembleas o que permitiu que fora precisamente en Galiza onde máis repercusión tivo esa folga, da que recoñeceu que “foi en xeral, moi cativeira”.

Folga xeral o 29 de setembro

Seixo lembrou que a CIG volveu propor a estas organizacións sindicais, cando se anunciaron os recortes que introducía a reforma laboral, convocar a folga no mes de xuño. Proposta que volveron rexeitar porque a súa alternativa era convocala para o 29 de setembro.

O secretario xeral explicou que a CIG acordou finalmente convocar tamén para esa data, coa convicción de que nas circunstancias nas que estamos “é moi importante que a folga saia ben, que sexa masiva, por unha cuestión de dignidade”, para parar esta reforma a es que están aínda pendentes e salientou que non se pode permitir, que aqueles que provocaron a crise económica, que coas súas políticas están provocando que miles de traballadores e traballadoras teñan que ir ao desemprego, que reducen salarios, que están aproveitando a crise para seguir gañando miles de millóns de euros “se saian coa súa”.

Por iso chamou a pasar á ofensiva, porque “non podemos, nunha situación tan crítica como esta, na que ten que estar en debate o modelo económico e social do futuro, seguir á defensiva. Esperar a mobilizarnos só se nos recortan dereitos”, dixo. “Temos que exixir unha saída á crise con alternativas claras a este modelo antisocial e contrario aos nosos intereses como clase”.

Alternativas

Neste sentido, explicou que a CIG vén defendendo desde o comezo da crise, toda unha serie de alternativas como unha reforma fiscal profunda, para acabar coa política fiscal dos últimos anos, baseada na redución dos impostos directos e no incremento dos indirectos, recuperar o imposto de patrimonio, os impostos ás grandes fortunas e ás rendas máis altas; perseguir a fraude fiscal, porque, lembrou, “ hai miles de millóns de euros en fraude fiscal e facenda sábeo e sabe que quen o comete son os empresarios, non os traballadores/as” ou acabar cos paraísos fiscais, “unha vía de branqueo de diñeiro, de evasión de impostos"..., todas elas medidas que permitirían aos estados obter recursos para poder investir en gasto social e en creación de emprego.

E precisamente, respecto do gasto social e o gasto produtivo, reclamou o seu incremento porque, nunha situación na que o capital privado non está a  investir ten que haber investimento público.

Seixo tamén reclamou o incremento das rendas salariais, porque o recorte dos salarios o único que provoca é que se reduza o consumo e que a clase  traballadora, que xa ten dificultades para chegar a fin de mes, quede nunha delicada situación e mesmo non poida pagar nin os préstamos hipotecarios nin outros.

Xunto a iso, demandou a creación dunha banca pública, para que se poidan canalizar recursos para as pequenas empresas e as familias que o necesiten. “A banca privada, a pesar do moito diñeiro a prezos de saldo que lle proporcionou o Banco Central Europeo e os estados o que fixo foi especular nos mercados financeiros, gañar moito máis do que viñan gañando nos últimos anos, pero eses recursos non chegaron nin as familias nin as pequenas empresas”

Mobilizacións por separado

Diante desta situación, o secretario xeral da CIG explicou que a central sindical, efectivamente estará na folga xeral do 29 de setembro, pero con mobilizacións propias, á marxe de CCOO e UGT.

Seixo recoñeceu que esta convocatoria provocará a necesidade de explicar, a maiores, por que non se celebran actos conxuntos, “pero entendemos que hai que dar ese debate”, lembrando, nas asembleas de traballadores que se convoquen de cara a folga xeral, o diferente modelo sindical que representa a CIG fronte os sindicatos españois, que permaneceron nas mesas de diálogo social, defenderon unha política de pacto social e de colaboración entre clases, fomentaron a desmobilización da clase traballadora e intentaron convencernos de que era a través dese modelo como se podía saír da crise, cando a experiencia ten demostrado que se debía ter feito xustamente o contrario”.

Os delegados e delegadas, nas súas intervencións, no debate posterior, manifestaron o seu pleno acordo con estas posicións e mesmo houbo quen alertou de que “por vez primeira unha xeración vai herdar un futuro peor que o dos seus pais e eu, diante do meu fillo, non serei capaz de pór cara de covarde e dicir que non fixen nada. Hai que ir á folga xeral porque isto témolo que parar”.

A perda de dereitos da clase traballadora

Antolín Alcántara, secretario nacional de Negociación Colectiva, presentou unha minuciosa análise dos dereitos que a clase traballadora foi perdendo nas sucesivas reformas que, desde o ano 1980, se foron aplicando, ben con gobernos do PSOE, ben con gobernos do PP. Reformas coas que, denunciou, “se nos quere levar a un modelo de relacións laborais como o de EEUU, onde máis de 70 millóns de persoas non teñen dereito á Seguridade Social; 40 millóns non teñen dereito á hospitalización e viven con menos de 10 euros diarios; non teñen dereito a vacacións e non teñen dereito a unha pensión”.

Alcántara lembrou que no ano 1984 xa se introduciu unha primeira reforma na que se impulsa a contratación temporal e se modifica o sistema de acceso a unha pensión, aumentando o período de cotización de 10 a 15 anos, ampliándose o período de cálculo de 2 a 8 anos, cun incremento anual en función do IPC previsto.

Co decretazo de 1992 apróbase o que definiu como un “grave ataque á protección por desemprego”, amplíase o período mínimo de cotización para poder acceder a unha prestación, de 6 a 12 meses, e rebáixase a prestación mínima.

Coa reforma laboral de 1994 impúlsase a modalidade de contrato lixo para a mocidade, o contrato de aprendizaxe, que substitúe o anterior empeorándoo en todos os seus aspectos, alén de carecer, mesmo, de dereito a prestación sanitaria. Facilítase e abarátase o despedimento, amplíanse as causas para despedimentos obxectivos e redúcese o prazo de preaviso. Legalízanse ademais as ETTs, permítese a distribución irregular da xornada, que pode chegar ás 12 horas, cando até ese momento era de 9 horas e posibilítase superar as 40 horas semanais.

Unha reforma da que Alcántara salientou que xa atacaba á negociación colectiva porque legalizou as cláusulas de descolgue salarial, facilitando a modificación substancial das condicións de traballo, reducindo a remuneración mínima das horas extraordinarias e limitando os supostos do contrato de fomento do emprego.

No ano 1997, refórmase novamente o sistema de pensións, ampliando o período de cálculo de 8 a 15 anos. Nese mesmo ano abórdase unha nova reforma laboral que xeneraliza as suvbvencións ás empresas en forma de bonificacións á contratación; abarátase o despedimento, elimínanse dous tipos de contratos temporais e substitúese o contrato de aprendizaxe polo de formación.

Afondando na precariedade

A reforma laboral de 2001 volveu abaratar o despedimento e aumentar a precariedade cos contratos de inserción e os de formación. Unha situación que se repite coa reforma de 2006, asinada por CCOO e UGT, coa que se eliminaron os salarios de tramitación, para abaratar máis o despedimento e se ampliaron os contratos de fomento de emprego.

A reforma de 2010, a máis grave e antidemocrática

Tal e como foi debullando o secretario nacional de Negociación Colectiva, con cada reforma foise dando unha volta máis, reducindo os dereitos da clase traballadora e incrementando a precariedade. Porén, respecto da actual, salientou que alén de afondar aínda máis nesta vía, as “directrices do que hai que facer decidíronse desde o FMI, o BM ou o BCE, organismos non democráticos, porque ninguén os elixe, que defenden os intereses dunha minoría, fronte a maioría social, fronte á clase traballadora”.

Con todo, respecto desta reforma, sinalou como o elemento máis grave o que respecta aos despedimentos obxectivos, que agora poden xustificarse por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción” e que, ademais,  serán bonificados, pasando a indemnización a ser de 20 días con 12 mensualidades. “Unicamente terá que xustificar a empresa que esas causas van mellorar a súa competitividade”, denunciou.

Para Alcántara, que lembrou que máis do 90% dos contratos asinados cada ano son temporais, isto introducirá, sen dúbida, máis precariedade e non servirá, en absoluto, para reducir a temporalidade, que “no estado español”, dixo, “é do 34%, mentres que na media da UE non chega ao 13%”.

O secretario confederal de Negociación Colectiva denunciou a situación de indefensión á que se aboca, con estas medidas, á clase traballadora. Indefensión que se agrava agora cunhas cláusulas de descolgue moito máis flexíbeis que posibilitarán que unha empresa poida non aplicalas, simplemente con alegar a necesidade de ser máis competitivas.

Respecto das ETTs, salientou que en moitos convenios, grazas á CIG, conseguírase limitar que as empresas recorreran a elas. “Esas cláusulas agora van ser ilegais”, denunciou, engadindo que mesmo se eliminan as limitacións que tiñan para operar en certos sectores, como a construción ou outros.

Xunto a isto, denunciou a legalización das Axencias Privadas de Colocación con ánimo de lucro, que poderán mesmo controlar pasar revista, os cursos de formación, as solicitudes e as ofertas de emprego.

Alcántara concluíu pois que “aquí non queda máis que responder coa mobilización”.