Dende a central nacionalista cualifican a xornada como “moi positiva” xa que o paro foi secundado por boa parte dos 600 negocios e as 4.000 persoas ás que lles afecta o convenio. Na cidade de Vigo tivo lugar unha manifestación que percorreu as principais rúas do centro entre Príncipe e As Travesas.
A xornada de mobilización do xoves comezou ben cedo coa organización dos piquetes, moi numerosos nas dúas cidades, que percorreron as distintas zonas comerciais para solicitar a solidariedade dos compradores e comprobar que os establecementos mantiñan pechadas as súas portas.
A pesar de que non se rexistraron incidentes de consideración, a Policía española identificou a varios piquetes informativos, tanto no interior dalgúns locais como na rúa. Na cidade de Vigo a súa presenza fíxose notar, sobre todo pola tarde, con numerosos axentes formando cordóns ás portas das tendas dalgunhas grandes marcas do sector que se negaron a secundaron o paro.
Intento de boicot
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo xa denunciara os intentos de boicot por parte da patronal. María do Tránsito Fernández alertara que moitas empresas estaban a preguntar “persoa a persoa” quen ía acudir ao paro, actitude que constitúe “un ataque ao dereito de decisión”.
Do mesmo xeito, a representante sindical rexeitou as críticas lanzadas dende a Federación de Comercio no que respecta ao “inoportuno” da mobilización e a unha suposta “intencionalidade política” da mesma.
Finalmente, lembra que as traballadoras acordaron convocar o paro porque as conversas sobre o convenio levan suspendidas dende o pasado 31 de decembro de 2008, sen que en 2009 e 2010 se teñan producido avances. “A oferta que fai a patronal é un convenio de tres anos cun incremento salarial do 1,5% en 2009, 2% en 2010 e 2,5% en 2011, o que na práctica supón uns 12 euros de subida, tendo en conta que o salario medio son 834 euros”, indica. Fernández explica que as pretensións que manexan contemplan chegar aos 1.000 euros en dous anos, nun sector con maioría de mulleres e moi precarizado, onde os contratos a tempo parcial son masivos.
Preme aquí para visualizar máis imaxes da mobilización.