“Foi o triunfo do sindicalismo de verdade, o que está próximo ás traballadoras/es, o sindicalismo de rúa e de visitas aos centros de traballo, o que sempre atende os problemas do sector, que nunca se deita coa empresa, o sindicalismo que organizou unha folga histórica e que non asinou un convenio por solidariedade cos compañeiros/as dos almacéns”, subliña nun comunicado a CIG-Servizos.
Dende a Federación explican que GADIS “preparouno todo moi ben para intentar reducir á mínima expresión a representatividade da CIG na empresa e poder afrontar unha negociación de convenio máis tranquila, onde puidese impoñer o seu criterio sen que a CIG tivese capacidade de resposta: fusión de empresas, eleccións adiantadas, toda clase de facilidades aos sindicatos asinantes do convenio…, mais todo foi en van. O sindicalismo honrado e combativo das traballadoras da CIG foi recompensado polo cadro de persoal con máis de 600 votos”.
Os resultados foron os seguintes no colexio de especialistas e non cualificados:
- CIG: 595 votos (40’34%) 9 membros
- USO: 374 votos (25’36%) 6 membros
- UGT: 275 votos (18’64%) 4 membros
- CCOO: 231 votos (15’66%) 4 membros
No colexio de técnicos (encargados) USO sumou os 2 membros que se elixían, “como non podía ser menos". Porén destacan que “os dous valentes que se presentaron pola CIG recolleron 10 dignísimos e honrosos votos que valen o seu peso en ouro”.
A CIG-Servizos considera estes resultados consecuencia dun traballo continuado de servizo aos traballadores e traballadoras e de entrega honrada nunha empresa que se caracteriza polo seu perfil autoritario e represor. A CIG foi o único sindicato que non asinou o último convenio provincial despois de liderar a primeira folga do sector. “As traballadoras/as souberon entender o traballo que fixeron as súas compañeiras da CIG por mellora as súas condicións de traballo”.