A CIG está a aproveitar o cambio de quenda da tarde para concentrarse ás portas da fábrica en solidariedade co compañeiro despedido, protesta que está a ser secundada por numerosos/as traballadores/as. Dende a central nacionalista explican que o despido do operario de CKD's, de 59 anos e con máis de 35 de antigüidade, produciuse despois de que este se negase a tramitar unha invalidez, tal e como pretendía Citroën. “Trátase co operario con maiores limitacións do taller, pero como única alternativa ofrecéronlle esta posibilidade”, indican.
Unha vez que o traballador decidiu renunciar a este trámite a CIG solicitou a intervención do Instituto de Saúde Laboral de Galiza para que realice un estudo ergonómico que determine se o posto designado pola compañía supón un agravamento das patoloxías do empregado. “Pois ben, a nova dirección non agardou a posíbel mediación da Inspección de Traballo e decidiu despedilo tras unha sanción de cinco días”.
Diante disto, dende a central nacionalista pregúntanse por que a dirección despide ao traballador se considera que o posto está adaptado ás súas patoloxías e sen agardar antes polos resultados do estudo ergonómico do ISSGA. “Será que a nova dirección pretende coartar o dereito do colectivo de limitados a unha xubilación digna e no seu lugar quere obrigalos a tramitar a invalidez”.