Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG denuncia falta de medios no SPDCIF da Xunta de Galiza ao comezo da campaña de máximo risco

O 1 de xullo comezou a tempada de alto risco e non está completado o dispositivo recollido no Pladiga 2012
A día 1 de xullo non está contratado o reforzo de verán para a campaña contra incendios, segundo denuncia o sector da Autonómica da CIG-Administración, “como consecuencia da falla de previsión, organización e programación por parte da Conselleria do Medio Rural e do Mar”. Fronte a isto, asegura que coa entrada da época de máximo risco de incendios forestais, estabelecida para o período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro (DOG nº 114 do Venres, 15 de Xuño de 2012), en condicións normais, debería estar operativo todo o dispositivo recollido no Pladiga 2012.

Na derradeira semana do mes de xuño o sector da Autonómica da CIG-Administración mantivo xuntanzas coa Consellaría do Medio Rural e do Mar onde se lle informou da creación de 436 postos de traballo, feito este que consideran “un acto dunha irresponsabilidade total dado que, segundo datos publicados na páxina web de Medio Rural e do Mar, as contratacións directas ascenderían a 738 postos, polo que nos atopamos cunha dimunición de 302 contratacións equivalente a un 41%, non tendo noticias da propia Secretaria Xeral de Medio Rural e Montes do que vai acontecer coas citadas 302 contratacións”, aseguran.

Agardan que antes do remate do verán se lle dean explicacións respecto da diminución de medios para a loita contra os incendios forestais no comenzo da campaña.  Insisten ademais na “torpeza que cometeu e está a cometer a Consellaría do Medio Rural e do Mar coa planificación do dispositivo contra incendios para o verán de 2012, atopándonos ao comenzo da campaña do verán sen ningún medio adicional a maiores para a loita contra os lumes”.

Xunto a isto denuncian que as contratacións que terá previsto realizar Medio Rural e do Mar non serán efectivas até polo menos mediados do mes de xullo, dados os trámites administrativos polos cales deberán pasar os 436 postos a crear na relación de postos de traballo da consellaría. “Os nosos montes coma as persoas que traballan diariamente no operativo público contra incendios da Xunta de Galicia están a correr un risco maior para as súas vidas, dado coma estamos a decir, pola tan cacarexada e demostrada falta de medios para a campaña de máximo risco de incendios forestais”, afirman.

Ante esta situación, exíxenlle  a Medio Rural e Mar a contratación urxente dos medios recollidos no Pladiga 2012, para desta maneira salvagardar o medio natural do noso país galego ante os delicuentes que lle meten lume aos montes. Da mesma maneira, demandan un incremento no período de prestación do persoal a contratar como consecuencia da creación de postos de traballo en RPT de cara a garantir os obxectivos previstos nos labores de prevención, desta volta acadando os obxectivos en materia de prevención.

cig.prensa@galizacig.com