Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG presentará conflito colectivo nos establecementos de Carreour Market por incumprir o descanso semanal

Denunciará tamén perante a Inspección este incumprimento tal e como se recoñece en sentenza xudicial
A CIG anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a presentación dunha denuncia perante a Inspección de Traballo e conflito colectivo contra  Carrefour Market, que afecta a todas as tendas de Galiza: Cee, Bertamiráns, Sada, Santiago, Baiona, Sanxenxo, Vilagarcía, Lugo e Ourense, por incumprimento do convenio colectivo en materia de descanso semanal do seu persoal. A decisión adóptase logo de que a empresa incumprira unha resolución da Inspección e a sentenza do xulgado do social da Coruña, que obriga a respectar este descanso e a pagar como horas extra o exceso de xornada traballada polo seu persoal.

O persoal de Carrefour Market só libra un día á semana cando, segundo o convenio colectivo polo que se rexe, corresponderíalles 48 horas ininterrompidas. Segundo explica o delegado de persoal da CIG do comité de Cee-Bertamiráns, comezouse a demandar o recoñecemento do dereito, inicialmente en xuntanzas dos comités, hai xa tres anos. En 2010, e ante a actitude da multinacional presentouse a primeira denuncia perante a Inspección de Traballo, que emitiu a súa primeira resolución favorábel o 3 de maio dese mesmo ano.

Xabier Santos Canosa, secretario da Unión Local da CIG en Cee, explica que malia esta resolución, a empresa continuou sen cumprir coa xornada legal o que obrigou a presentar unha demanda, en principio individual, a través dos dous delegados de persoal de Cee-Bertamiráns, no Xulgado do Social da Coruña. “O xulgado, en sentenza do pasado 30 de marzo tamén dá a razón, condenando á empresa a estabelecer un descanso semanal de 48 horas -36 horas máis 12 de descanso entre xornadas- así como a abonar as horas do descanso traballadas -sete semanais- como horas extras”.

Aínda así a empresa, que xa ten presentados os calendarios trimestrais, segue sen aplicar o descanso semanal “nin sequera ao delegado que gañou a demanda”, explica o secretario da Unión Local de Cee.

Ante esta situación, Santos Canosa anuncia que a CIG acordou presentar novamente denuncia perante a inspección de traballo “na que se require á empresa para que cumpra coas 48 horas para todos os traballadores galegos de Carrefour Market Express, que marca a propia sentenza”. Ao tempo, engade, “vaise presentar conflito colectivo para facer cumprir tamén os dous días de descanso semanal, 48 horas, que afecta a todo o estado español”.

Santos salienta que hai sentenzas similares, en concreto unha á que se fai referencia na emitida polo xulgado do social da Coruña, referida a grandes almacéns. Lembra que os hipermercados de Carrefour xa contemplan no propio convenio colectivo o descanso semanal e subliña que quen o están a incumprir son os supermercados pequenos, desde Carrefour Market até Mercadona, por exemplo.

Este ano, entre as dúas tendas de Carrefour de Cee e Bertamiráns tiveron máis de 300.000 euros de beneficio. Porén, “hai un recorte de cadro de persoal encuberto, xa que non se cobren as baixas nin as vacacións, nin se procedeu a substituír a aquelas persoas que de maneira voluntaria marcharon –arredor de 15 traballadoras/es, entre as dúas tendas, o que repercute na carga de traballo”.

Xabier Santos salienta que teñen un convenio de empresa estatal, polo que aínda por riba cobran uns 100 euros menos que os do sector provincial da Coruña, un total de 1.200 euros menos ao ano. “Un supermercado normal ou calquera tenda pequena tería que pagarlle máis ao seu persoal que unha multinacional destas características”, subliña.

cig.prensa@galizacig.com