Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Executiva Confederal da CIG manifesta a súa repulsa pola sentenza de cárcere contra dous sindicalistas da CIG e un de CCOO

Tres anos e un día de cadea pola súa participación na folga do comercio de alimentación en 2009
A Executiva Confederal da CIG manifesta a súa máis absoluta repulsa pola sentenza de tres anos e un día de prisión contra Marcos Cadórniga, liberado sindical de CIG-Servizos, Carlos Alján, delegado da central sindical en Froiz e o sindicalista de CCOO Carlos Búa, pola súa particiación na folga de comercio de alimentación en 2009. Unha sentenza que a Executiva considera absolutamente desmedida e que entende que ten como obxectivo criminalizar o sindicalismo e limitar a súa capacidade de actuación na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores.

Para a Executiva Confederal da CIG, con esta sentenza que vén de facer pública o Xulgado do Penal nº 1 de Pontevedra, queda constatado que a xustiza non é igual para todas as persoas. Denuncia que mentres se envía a prisión a quen loita por facer valer os dereitos da clase traballadora, como é o caso destes compañeiros, o sistema xudicial elude a súa responsabilidade de actuar contra os verdadeiros delicuentes: os ladróns de luva branca, os defraudadores ou certo empresariado que, actúando con total impunidade, incumpre diariamente a legalidade laboral ou impide aos seus traballadores e  traballadoras o exercicio de dereitos fundamentais como o de folga recorrendo mesmo ás ameazas e/ou coaccións.

Asegura que malia estas sentenzas, coas que se pretende dificultar cando non impedir a acción sindical, a CIG non se arredará na súa loita diaria e constante na defensa dos dereitos de cada traballador/a en cada empresa e da clase traballadora galega no seu conxunto.

Reitera a súa solidariedade, e ao do conxunto da central sindical, con estes compañeiros e anuncia que adoptará todas as medidas precisas para impedir que a pena de cárcere se faga efectiva.

cig.prensa@galizacig.com