Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 2/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Nova mobilización, o mércores 4 de xullo, contra a eliminación do contrato de verán para o profesorado substituto

Ao seu remate realizarase unha asemblea co profesorado afectado no local do sindicato na que se analizará a súa situación e as medidas de presión a levar a cabo
A CIG-Ensino convoca novamente o profesorado substituto a unha concentración diante da Consellaría de Educación o vindeiro mércores día 4 de xullo, ás 11:00 horas. O obxecto desta mobilización, como a xa realizada o pasado venres día 29 de xuño, é esixir o restablecemento do dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto que teña prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses e medio. Ao remate da concentración, realizarase unha asemblea co profesorado afectado no local do sindicato na que se analizará a súa situación e as medidas de presións a levar a cabo.

A CIG-Ensino considera a decisión de suspender este dereito un novo ataque ao profesorado. Por iso, nun escrito dirixido ao Conselleiro de Educación o pasado venres 29 de xuño, o sindicato esixiu o mantemento do contrato polo que lle retribuía e cotizaba ao profesorado o tempo de vacacións que lle correspondía en función do tempo traballado.

A CIG-Ensino tamén denuncia que Educación agardou ata que remataron as clases para dar a coñecer este medida, malia ter tomada a decisión no Consello da Xunta do 21 de xuño. Ademais, considera sorprendente que, tal e como afirma a Consellaría, algunhas organización sindicais -que son unha minoría- coñeceron a decisión nunha reunión mantida con Educación e tampouco a fixeron pública.

A CIG-Ensino advirte ademais que este recorte vai dirixido a traballadores e traballadoras que xa teñen unha situación moi precaria con traballos de poucos días, cambio constante de domicilio e a obriga de estar a disposición da Administración de xeito continuo.

Por iso, a CIG-Ensino convoca unha nova mobilización do profesorado afectado para esixir de Educación que rectifique e retire a decisión que deixa os/as substitutos/as que traballaron máis de 5 meses e medio sen nomeamento nos meses de xullo e agosto.

cig.prensa@galizacig.com