Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 2/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Persoal de Industrias Caamaño secunda un paro de catro horas para esixir o pago dos atrasos e a readmisións dos compañeiros

Os traballadores teñen convocadas tres xornadas de folga esta semana e unha concentración diante do Concello de Culleredo o próximo mércores
Os traballadores de Industrias Caamaño iniciaron este luns unha nova xeira de folgas para esixir o cobro dos atrasos salariais e a readmisión inmediata dos compañeiros despedidos. O persoal desenvolveu un paro de catro horas (de 08:00 a 12:00 horas), que terá continuidade do mércores 4 e o venres 6 de xullo.

Hoxe os traballadores en folga volveron saír polas rúas de Culleredo para denunciar ante os veciños e veciñas a súa situación e pedir a súa solidariedade. Para o próximo mércores día 4, o persoal teñen previsto realizar unha concentración diante da Casa do Concello de Culleredo, entre as 09:30 e as 10:30 horas.

Esta folga dá continuidade aos paros realizados hai dúas semanas para esixir o cobro dos atrasos salariais, xa que neste momento Industrias Caamaño adebeda tres nóminas, dúas pagas extraordinarias e os atrasos correspondentes aos anos 2010, 2011 e 2012.

Ademais, dende a última mobilización, a empresa despediu a dous traballadores, en clara represalia pola súa participación na folga e alegando motivos totalmente peregrinos. Un dos despedidos é delegado de persoal –deste modo dos tres representantes elixidos, dous xa foron despedidos-; mentres que o outro é un traballador que leva 35 anos en Industrias Caamaño, e ao que agora a empresa acusa de baixo rendemento e faltas ao traballo.

Por se fose pouco, este traballador está a padecer unha situación de persecución e presión por parte da empresa, a consecuencia de ter presentado denuncia no xulgado para poder cobrar os seus salarios. De feito, a modo de castigo, a empresa non lle abonou ningunha nómina dende o pasado mes decembro. 

Neste senso, os delegados advirten que, se non se readmite aos traballadores inmediatamente e non se poñen ao día os pagos dos salarios, continuarán adiante co calendario de mobilizacións acordadas.

Igualmente, os delegados denuncian as pretensións da empresa de boicotear os paros e pretender desmobilizar ao persoal mediante o pago de parte das contías adebedadas a uns traballadores si e a outros non. Isto demostra, subliñan, que ao contrario do que asegura, o propietario si ten cartos para pagar cando lle interesa. 

cig.prensa@galizacig.com