A secretaria nacional de CIG-Servizos apunta que os sindicatos españois CCOO e UGT non respectaron a plataforma conxunta que se constituíu despois da folga, “sobre todo en materia salarial, dado que o convenio ten un atraso de ano e medio e non se garante a perda de poder adquisitivo neste tempo”. Neste senso, María do Tránsito Fernández, lembra que o incremento salarial debería de achegarse os 30 lineais, “e non un un aumento porcentual que fixa só os 12 euros para 2009 e 19 euros en 2010”.
Outros aspectos que motivaron a falta de acordo por parte da CIG foi a promoción profesional, dado que só será efectiva dende o momento da firma do convenio e non terá carácter retroactivo. Tampouco se equiparan as categorías, “nin se contempla o salario para aquelas persoas que fan funcións de superior categoría durante moitos meses o longo do ano”.
En opinión de Fernández, UGT e CCOO converteron a negociación nun regateo “para asinar o convenio como fose porque se nos botan enriba as vacacións”. Por todo isto, considera que os sindicatos estatais seguen a “tirar pola borda” os intereses da clase traballadora e asinan acordos que non sometidos a unha asemblea de traballadoras/es “para non ter que dar explicacións”.