Dende a federación de Ensino explican que a Consellería de Educación concedeu ao ensino privado concertado 18 novos concertos educativos, totalmente subvencionados, ademais de nove de ciclos formativos de grao medio e un de grao superior, tres novas unidades de educación especial, tres en educación infantil e dúas en Primaria, algunhas en localidades nas que o ano pasado se suprimiron unidades na pública.
"A Consellaría de Educación non só ten a descaro de continuar subvencionando totalmente os centros que segregan alumnado por razón de sexo (o CPR As Acacias, o CPR Monte Castelao, CPR Montespiño, CPR Peñarredonda e CPR Aloya), contra o que a CIG-Ensino ten presentado recurso perante os tribunais, senón que concede novos concertos como o que lle concedeu ao centro Aloya de Vigo, que neste caso é para un ciclo superior de FormaciónProfesional", explican dende o sindicato nacionalista.
Diñeiro público para centros privados
Neste senso, critican que a Consellaría faga uso do diñeiro público para promover o ensino privado concertado e reducir o profesorado no ensino público, "por iso se subvencionan 18 novas unidades aos centros privados e se suprimen 80 no ensino público que se suman ás supresións realizadas en anos anteriores e que dan lugar a que haxa centros que non contan co profesorado suficiente para atender o alumnado", sosteñen.
Finalmente, anuncian que seguirán denunciando esta situación de "favoritismo" co ensino privado en detrimento do ensino público e reclamarán as unidades que o departamento autonómico teima en suprimir, "malia estar demostrada a súa necesidade e contar con alumnado suficiente".