Dende a o sindicato lamentan en primeiro lugar os problemas que atravesa a histórica cabeceira do nacionalismo galego e sinalan ás súas distintas direccións como responsábeis da situación. Aínda que son conscientes do drástico recorte nas axudas da Xunta aos medios que se editan en galego -principal argumento esgrimido por A Nosa Terra para xustificar a súa desaparición en papel- o secretario nacional da federación de Químicas e Enerxía da CIG, Alberto Gonçalves, indica que “nin a actual dirección nin as anteriores souberon xestionar a empresa, sobre todo en épocas de bonanza económica”. Neste senso, define o sucedido como a “crónica dunha morte anunciada”.
Dende a central amósanse especialmente críticos coa actitude da actual dirección, xa que ninguén lle comunicou ao delegado sindical a entrada no proceso concursal. “Existe unha falta de información total aos traballadores e traballadoras, que non saben de forma oficial o que está a acontecer na empresa”, lamenta Gonçalves. Ao mesmo tempo, lembra que levaban máis dun ano reclamándolle á dirección un plan de viabilidade “que nunca chegou” para tratar de reconducir a situación.
Finalmente, adiantan que ademais das pertinentes accións legais non descartan iniciar un calendario de mobilizacións para denunciar a situación que están a padecer os 28 empregados do semanario.