Dende a CIG-Servizos de Ferrol sinalan que dos 80 traballadores/as da empresa tan só acudiron ao seu posto unha decena de empregados do centro de Ortegal, así como a xente de dirección. “Recibimos moito apoio dos compañeiros e compañeiras dos distintos centros, mesmo a xente de distribución está secundando a folga e non se realizou o reparto”, apunta Cristina Martínez Ces, da CIG-Servizos de Ferrol.
Con motivo da xornada de paro, o persoal desenvolveu tamén unha concentración diante do centro de traballo de Catabois, que contou cunha importante participación. "Desde a CIG-Servizos valoramos que baixo o pretexto da crise económica moitas empresas aproveitan para violar e transgredir os acordos, convenios e condicións laborais. Moitas veces ocultando e á vez saneando, os efectos dunha mala xestión orientada só pola ambición. A unidade dos traballadores e traballadoras ante estas circunstancias é fundamental para defenderse destas prácticas empresariais. O cadro de persoal de Neira & Ortegal é un exemplo", subliña Martínez Ces.
Presións ao cadro de persoal
Pola súa banda, o Comité de Empresa denunciou que os atrasos reiterados no cobro das nóminas responde a unha estratexia de presión da compañía enmarcada no proceso de regulación de emprego iniciado en febreiro deste ano. De feito, explican dende a CIG-Servizos de Ferrol, o pasado mes de marzo o persoal xa tivo que desenvolver unha xornada de folga para esixir o cobro dos atrasos pendentes.
A este respecto, e diante da convocatoria do paro, a empresa abonou nos últimos días ao cadro de persoal a nómina correspondente a xullo, mais aínda non ingresou a paga extraordinaria nin “a 2 de setembro existen garantías de cobrar o salario de agosto”, apunta Cristina Martínez Ces.
Regulación de emprego inxustificada
A empresa Neira& Ortegal S.L, dedicada á compra-venda de materiais de construción, con centros de traballo en Ferrol, Narón, Ortigueira e Viveiro, é o resultado da fusión por absorción, no ano 2008, das empresas Almacenes Neira S.L e Ortegal Baño S.L. Segundo explica o Comité, a empresa atópase inmersa na negociación dunha parte importante do accionariado cunha empresa de Lugo chamada Construdeco S.L. que lle exixe a Neira & Ortegal o despedimento mediante un ERE de 30 traballadores/as.
Non obstante, para o órgano de representación dos traballadores/as non existen causas que xustifiquen a necesidade dunha regulación de emprego nin que ditos despedimentos vaian contribuír a viabilidade da empresa. De feito, no informe presentado polo Comité póñense en cuestión os argumentos económicos ou organizativos achegados pola empresa e conclúese que a situación que se pretende acreditar “non é real” e que “non hai ningunha persoa que se atope sen realizar actividade”. A iso engaden que case a totalidade do cadro de persoal realiza unha xornada de 45 horas semanais sen que, en ningún momento, se lle reducise o tempo de traballo, nin sequera até cumprir coa xornada máxima legal.
A finais da semana que vén está previsto que a autoridade laboral resolva o ERE de Neira & Ortegal SL.
Máis razóns para ir á folga xeral
Diante de circunstancias como esta, a CIG-Servizos aseverou que a folga xeral do día 29 cada día encontra máis argumentos "para que entre todas e todos consigamos que sexa un éxito. A falta de emprego e a precariedade fan que este tipo de empresarios podan someter a todo tipo de presións aos traballadores e traballadoras, intentando que se sintan responsábeis da situación de crise, cando esta só está provocada pola súa ambición, mala xestión e por un sistema económico que non garante os dereitos básicos das persoas, como son o dereito a un traballo digno, un salario xusto e unhas condicións laborais (horario, salubridade, conciliación...) que permitan vivir a vida dunha maneira digna".