Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 2/9/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Piñeiro (c) e Viéitez (d), durante a rolda de prensa.

O informe concursal de Alfageme culpa a dirección da empresa de xestión neglixente

Dende a CIG adiantan que investigarán as contas da conserveira para determinar se existen irregularidades constitutivas de delito
O informe económico elaborado pola administración concursal de Alfageme vén confirmar as sospeitas da CIG no que respecta á responsabilidade da dirección na situación que atravesa a conserveira, inmersa nun Expediente de Regulación de Emprego e sen ter abonado parte dos salarios nin as indemnizacións aos traballadores/as despedidos. Dende a central nacionalista adiantaron que barallan tamén extender a investigación “con carácter retroactivo” ás contas da empresa para determinar se existiron irregularidades tipificadas como delito.

Dende a Federación Galega da Alimentación, Transporte e Mar da CIG explicaron que o documento sinala os propietarios da firma como responsábeis dunha “dirección neglixente”, en palabras do seu secretario nacional, Xosé Fernández Piñeiro. Ao mesmo tempo, adiantou que os administradores concursais barallan retrotraer no tempo a investigación das contas da empresa para determinar se existiron irregularidades. O propio sindicato nacionalista encargoulle un informe sobre a compañía ao seu gabinete económico co obxectivo de depurar incluso posíbeis responsabilidades penais dos propietarios.

Neste senso, adiantaron que a vindeira semana presentarán un escrito no xulgado do Mercantil para conseguir que se lles sexan retirados todos os poderes ao entender que constitúen un atranco tanto para o cobro das indemnizacións pendentes por parte dos empregados/as como para a posta en marcha dun proxecto industrial que permita cando menos recuperar o emprego na planta do Salnés.

Iniciativa parlamentaria do BNG

Durante a súa comparecencia, o secretario nacional da FGAMT estivo acompañado por representantes do comité de empresa e un nutrido número de traballadoras e traballadores. Tamén estivo presente o deputado nacional do BNG Enrique Viéitez, que anunciou a presentación dunha nova iniciativa parlamentaria para reclamarlle á Xunta a posta en marcha dun plan de viabilidade, a profesionalización da dirección da compañía e a apertura dunha mesa de diálogo que permita a interlocución directa co comité de empresa. Así mesmo, solicitarán que todas plusvalías que se poidan xenerar coa venda de material os terreos sexan utilizadas para afrontar o pago das débedas pendentes cos traballadores/as.

Neste punto, o secretario nacional da federación da Alimentación quixo deixar claro que non descartan mobilizarse diante da Consellería de Industria no caso de que o departamento autonómico continúe sen poñerse en contacto cos representantes dos traballadores/as para abordar o futuro da compañía. Piñeiro recoñeceu que até o de agora non se coñecen posíbeis ofertas de compra por parte doutras empresas. As críticas á Adminstración foron constantes durante a rolda de prensa, tendo en conta que a compañía recibiu avais públicos por valor de 44 millóns de euros cando no ano 2008 xa tiña contraída unha débeda de 11,1 millóns.

Mentres, os preto de 400 empregados/as dos catro dentros de traballa atravesan unha delicada situación: unha parte importante foron despedidos, outra acolleuse a un ERE temporal que está a piques de rematar (aínda que Alfageme xa amosou a súa intención de presentar outro) e unha pequena parte desenvolve labores administrativas de apoio aos administradores concursais. Todos están pendentes de cobrar dous meses e medio de salarios e as indemnizacións correspondentes.

cig.prensa@galizacig.com