O delegado da central en Correos, Román Pena, sinala que as zonas afectadas pola falta de carteiro e con graves atrasos no reparto dos obxectos son: as rúas de Acea da Ama, parque Europa, Hersa, Ribados, así como toda a Urbanización Da Cros, as rúas Ferrocarril, Avenida de Galicia, Avenida de A Coruña, no Concello de Culleredo, e as rúas Costa da Tapia, Constitución, Otero Pedrayo, Praza Miguel A. Blanco, Fernando Buesa, Estanque, Ánxel Fole ou Paseo Marítimo, no núcleo urbano de O Temple (Cambre). Dende a CIG-Correos denúnciase o abandono por parte da Xefatura provincial do ente, xa que non procedeu á contratación dun traballador/a para substituír ao titular durante as súas vacacións.
CIG-Correos explica que isto leva consigo que moitos veciños vexan como a súa correspondencia non chega nos prazos que marca a lexislación postal, o que lles está a provocar moitos problemas, fundamentalmente, con comunicacións de recibos, multas ou citacións médicas. Varios miles de obxectos postais acumúlanse no Centro de Reparto de O Burgo, ao igual que no caso anterior, “pola ineficiente xestión da Xefatura provincial de Correos”.
A acumulación de correspondencia e os atrasos estanse producindo a pesar de que os carteiros/as que cobren as áreas próximas están asumindo parte do reparto destas zonas, co conseguinte abandono da súas, creando así un efecto dominó no resto das áreas, que tamén se ven afectadas pola falta de persoal suficiente para atender ao conxunto do concello.
Para afrontar estas deficiencias CIG demanda a Correos “que se cubran toda as ausencias por vacacións ou outros motivos”, para que o Concello de Culleredo e o núcleo urbano de O Temple conten con persoal suficiente para atender as necesidades do reparto.